Viñaredo, Valdeorras´s Sousón

Hai un sousón en Valdeorras que vai pola sua segunda anada, e o Viñaredo, alias Barrica Selección, que está elaborado por Adegas Santa Marta en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras). Este que veño de tomar semella do 2010, pero non miro por ningures da botella referencia algunha a anada, dada a sua escasa producción supoño que o 2009 estará esgotado (?), eu merqueino na viñoteca Ribeira de Fefiñans en Cambados por uns 13€

Acidez punzante e tanicidade incisiva pero de maneiras agradecidas, con aromas de froita vermella fresca, especias finas que co tempo son acompañadas das máis doces, envolvente balsámico e, tamén co tempo, o café recen saido da cafeteira.

Son as formas que anuncia este sousón en Valdeorras, sousón que asoma solitario no mar de mencias salpicadas de isolados illotes de vellas garnachas tintureiras, mar e illas que ocuparon o espacio deixado polo antergo albarello, caste troncal do pais que a historia vitivinícola desterrou fora das suas terriñas.

Albarello, pero sobre todo bastardo e sousón que povoaron as novas viñas colonizadoras dos vales do Alto Douro, levadas da man de viticultores e canteiros galegos que deron forma, baixo a iniciativa británica, a ese Patrimonio da Humanidade. Aquelas castes galegas deran inicio á mítica saga dos Vinhos de Porto aos que cederon as suas esencias ate que foran sustituidas polas tourigas (nacional e franca) e tintas varias (cao, amarela, francisca, barroca, roriz). Pero ainda hoxe os vintages máis lexendarios coma o Nacional da Quinta do Noval ou o Quinta do Vesuvio alardean de levaren nas suas entranas a esencia do Sousao.

Valdeorras e Sousón, unha historia por escribir, e beber. O sousón foi introducido no regulamento do consello regulador da denominaión de orixe hai poucos anos co obxectivo, supoño, que de aportar eso mesmo que o Viñaredo sousón mostra coma pistas do que pode chegar a ser nesas terriñas: acidez e tanicidade máis ou menos presente con aromas un chisco máis vibrantes no primario.

Os técnicos deste consello regulador tennos acostumados a un bo traballo que o tempo recoñecerá. Non se pode dicir nada semellante do mesmo organismo na Ribeira Sacra, ainda hoxe é algo que non deixa de sorprenderme, ou sexa… xa me imaxino: puxeronse a “pensar” nas variedades que podian aportar algo máis á mencia, daquela bastante anodina, e pasando por alto ás galegas (o merenzao e o brancellao xa estaban pero eran minusvaloradas) matinarían nas francesas… máis deberon decidir que estas non, non me pergunten porque, seguro que mellor asi, pero o tempranillo si… seica por ser unha variedade emblemática española… e parece que punto, uló as adaptacións climáticas e vitícolas?

Os comentarios están pechados.