Máxima

Máxima, un ribeiro, o único pertencente ao concello de Ourense, onde a beira do Miño chámase Santa Cruz de Arrabaldo, dun viñedo enclaustrado no clos dun Pazo: Casanova.

Un ribeiro dun viñedo onde o godello e a estrela, a que logo brilla coa luz de seu nos viños que desde ese pazo inician o camiño cara as nosas copas, e delas á gorxa, ó espírito…

E non é un alarde comercial, que xa hai algúns deses no Ribeiro, é asi porque resulta que esta caste nese amurallado viñedo expresa o mellor de seu.

O Casanova Máxima é un ribeiro marcado polo godello, pero un godello de libro, Magníficat!, un godello fresco e atlántico, valga a redundancia, coa treixadura no papel de elegante comparsa, un rol que non adoita representar nesta rexión dos viños de Ribadavia onde ela é a Prima Donna

Saboroso, tacto graxo acompañado dun alcohol recatado e unha acidez envolvente. Vivo, co corazón dun meniño, para ser ralentizado coa madurez que da o tempo. Aínda por desenrolarse, acolarse e, naturalmente, crecer.

Herbáceo fresco con dentellos de flores brancas, a seguir con froitas de oso, coma os recordos que nos trae o néspera, e suaves especias brancas cun fondo de pao aromático sen prender.

Botella número 302 das catro mil que foran elaboradas na anada do 2010, do godello e da treixadura das dez hectáreas 100% de producción integrada

Os Pazos, como algúns Chateaux bordeleses ou os Clos dos climats borgoñóns, merecen unha sorte de excelencia. Os Pazos que posúen viñedo deberían aspirar a converter o froito das suas cepas, os bagos, en algo diferenciado, unha especie de escudo ou brasón pendurado que transmita a esencia do lugar, converterse no portaestandarte da terriña, un pagamento (Pago) á herdanza dos devanceiros.

Pazo Casanova está no vieiro de esculpir no escudo o seu viño.

Os comentarios están pechados.