O viño de Dona Lola e Nos

Vaia, hoxe non teño un día flor, mas a lúa equilibra coa súa forza esa ausencia

Cando as veces, por difícil que fora de maxinar para algúns, topamos neste occidente, na punta da terriña que desexa soltar amarras, ou debería anque so fora soñalo, coas mostras que certifican o potencial ignorado é para propagalo aos catro puntos cardinaes e… beber 

Albariño da anada pasada elaborado por Dona Lola e familia do seu viñedo situado nalgures do concello de Portas

Longo, se empezo polo final, deixando atrás a satisfacción do padal por telo sentido

Intenso frescor, bela acidez, que pasa coa lentitude xusta para saborear o seu denso corpiño co tacto da seda.

Os aromas ainda permanecen na boca mentres gardo o gusto do seu sabor e a sensación da sua amorosa caricia

Recorda a brillante palidez dunha noiva, a timidez que esconde todo o que desexamos destapar, acougar en nos … albricias!!! cheira a pel clariña e suave, ao aire que ven da ría entre os penedos de granito e pasa ó redor do teu corpiño aveludado

Pero é que cos aromas que ven namora … e cando bicamos, bebemos, saboreamos o seu gusto… ummmmm

Leva con finura, pero ben profundos, aromas que nos traen recordos asociados ó mineral que domina esta faixa atlántica sobre varias flores brancas, que hoxe non me atrevo a definir, pero imaxínense un ramo delas enriba dun penedo baixo o sol e ó seu carón fiunchos con outras plantas que ulen. Entre todo este escenario as froitas de oso con adornos cristalizados e detalles melosos, de mel fresca.

Unha botella igual á que hoxe abrin, máis limpiña claro.

A da foto foi sacada ó chou da adega de Dona Lola, sen indicación de anada, desta maneira e pola súa curiosidade ten gardadas garrafas desde hai anos. A que me encheu sentidos e espirito era da anada pasada (2010), unha botella que garda vida para lustros, si, un viño que debeu ser asi… hai tempo, uns viños dos que perdemos conciencia, algo asi como de NOS, deste Pais agora pedazo de chan virado de costas ó que foi e ó máis alá que ten nos fuciños…

Os comentarios están pechados.