Polos viños do solpor

Hai lumieiras que nas longas noites de pedra devólvennos a luz e o sorriso das estrelas.

Nunha das terras onde se pon o sol, a máis saborosa e quentiña, berce de manxares que son e doutros que foron e aínda imos descubrindo, porque na escura noite de pedra non é doado apreciar o que nos rodea pero si o máis alonxado.

Hai lumieiras que cando se acenden amañece en nos a verdade que a sedante e pechada noite nos oculta.

Sabemos que durante séculos os mellores viños do orbe coñecido, e do outro tamén, elaborábanse nas entrañas deste pais porque unha sabia lumieira os cantara, o X dos Alfonsos lanzara unha luz que chega ate os nosos días, digo noites.

Cunqueiro acendeu os viños das mil terriñas coas súas verbas luminosas, clarividentes, amorosas e, como en todo devanceiro que se prece, con orgullo de Nos.

Despois del veu de novo a noite ao pequeno universo do viño galego. Despois das tres páxinas escritas cunha precisión cristalina sobre o viño en “A Cociña Galega”, as poucas liñas dictadas, mecanografadas ou tecleadas desde aquela sobre o viño destas terriñas do solpor atlántico devolvéronnos á escuridade, á lousa de pedra dos preconceitos alleos, dos esquemas mentais importados…

Cunqueiro, nun galego agarimoso (teimudamente a intelixencia deste pais escrebe no idioma da luz) transmite as mil personalidades dun microcosmos fantástico, máxico, pero tan real coma nos, tan vivo e extenso como as mil terriñas diferentes que por aquí latexan.

Blogueiros, periodistas, sumilleres, técnicos, docentes… atopar neles luz e visión de futuro, xa non digo emoción… foi tarefa imposíbel. Nunca creron nas posibilidades deste pais, a hemeroteca esta chea de frases e opinións minusvalorantes sobre o potencial vitivinícola de Nos.

Nada do que somos neste momento e do que chegaremos a ser é debido a eles, foron viticultores e adegueiros comprometidos os que teñen andado o camiño, moitas veces sen o eco dos que deberían telo, a escuras, sen lumieiras ou altofalantes coma Cunqueiro que nestes tempos estaríanos entregando mil relatos, crónicas, poemas… sobre o apaixonante momento que viven os viños deste pais.

Cunqueiro expresaba as características dos viños dándolles unha personalidade case humana, máis cercana e comprensíbel, personalidades que todos recoñecemos ó noso redor e non alén.

Pero co tempo instaurouse a dictadura dos descritores, e como se unha lei intocábel fora viña acompañada dos talibáns de turno para dilapidar a todo aquel que se escapara do establecido: a frialdade descritiva protocolaria. Había que amputar recordos, evocacións e por suposto emocións.

Argumentaba esta tropa, que tamén sabía de psicoloxía, que o consumidor desconfía daqueles que se escapan da simpleza dun descritor, desprezando polo tanto a súa intelixencia, e o que é peor afirmaban, e todavía se atreven a dicir, que os consumidores máis novos rematan por fuxir do viño caendo nos grolos doutras bebidas por culpa deses soñadores.

Pois ben resulta que se descendeu o consumo do viño ate niveis case insignificantes vai ser, que o é, por culpa destes aburridos e soporíferos escribidores e falantes do viño.

O día 26 demos unha volta polos viños de Cunqueiro con Manuel Gago. Foi so unha pequena etapa dun percorrido no que aínda soñamos…

Principiamos polo Betanzos da branca lexítimo, de alta e ampla aromática, seguimos coa albariña dunha parroquía ribeirán á maneira do seu gusto, despois un godello profundo dunhas Pezas de Valdeorras, os tintos foron un espadeiro anainante do Salnés, un Amandi cortés… de mencía e un Ribeiro con todas as castes do pais.

Para o máxico menú que rendeu homenaxe a Don Álvaro remítovos aos amigos: Manuel Gago, Pantagruel, laconada, Carmen Albo, Miguel Vila

One ResponsePolos viños do solpor to “”

  1. […] Cero, Pantagruel supongo, Laconada, O viticólogo dos bagos, Carmen […]