Xornadas de Viticultura. Polo futuro que ven

Moi ben polas xornadas de viticultura celebradas en Pontevedra, na Boa e agarimosa Vila. Parabéns á Asociación Galega de Viticultura por estas xornadas e polo seu traballo e dedicación. Necesitamos asociacións activas, integradoras e comprometidas co Pais como a AGV.

Estas xornadas ofreceron a oportunidade de coñecer as diferentes sensibilidades e opinións que hai sobre o momento actual da vitivinicultura en Galicia. Nas distintas mesas temáticas estiveron representados os distintos sectores que teñen algo que dicir sobre o mundo do viño en Galicia: viticultores, consellos reguladores, asociacións de sumilleres e enólogos, centros oficiais, etc.

Eu participei na primeira das mesas redondas, a titulada A vitivinicultura galega a debate, na que cada un dos poñentes expresou o seu ponto de vista sobre esta realidade partindo do sector que representaba: asociación de enólogos, de catadores, centro de formación de Guísamo, EVEGA, técnicos de A Granxa. Nas súas intervencións iban saindo preocupacións varias: pola situación económica, pola baixada do consumo de viño, o aumento de produción, pola rendibilidade do traballo en viticultura, houbo referencias á política agraria comunitaria, defendeuse un plan agroindustrial, algunha referencia á formación regulada e a continua, a voltas co minifundio e a difícil concentración parcelaria, a busca da relación calidade-prezo, e historias sobre se o consumidor non se acerca ó viño ou cecais era que se alonxaba… en fin foron deixando no aire un sentimento común que ficou no ambiente: o pesimismo.

O pior de intervir en último lugar é que o guión que levas preparado vese relegado pola necesidade de respostar algunhas das ideas mencionadas anteriormente, nun impulso de contrarrestar esa negatividade, en resumen, e tentando sonar con outra música, o que defendin é a ilusión por vivir nun momento apaixonante e a seguridade de que o futuro aínda vai ser mellor. Seguramente as intervencións previas foron expresadas por non sentirse actores desta bonanza ou simplemente a descoñecen, ou non a consideran e polo tanto non a valoran.

Estou convencido que nos atopamos nun momento propicio e ilusionante. Esta realidade florecente está favorecida pola onda actual no mundoviño que fala de frescor, de maior aspecto primario no viño: frutalidade, campo, entorno natural, mineralidade, coa madeira menos presente ou máis integrada e tamén coa consideración de que hoxe en día o frescor é un dos valores máis importantes, ademais da onda recuperadora das castes minorizadas e a súa posta diferencial en valor.

Pero, a quen miran? de quen falan? que beben? que lles chama a atención dos viños galegos aos que desde fora de Galicia os valoran?

Desde o meu punto de vista é que existe (porque se ule e se gusta… e se bebe!!) máis expresión das castes propias e das mil terriñas, que loxicamente é o que buscamos nos tamén nos viños doutras zonas vitivinícolas. Existe polo tanto máis carácter e autenticidade ou personalidade e diversidade.

Todo grazas a viticultores individuais, aillados pola oficialidade, que foron quen de imaxinar uns viños mellores. Algún presidente de consello regulador xa lles tería chamado máis dunha vez románticos e poetas, que “non miran a peseta” Pero os alcumados de románticos (e cousas máis feas) coñecemos o que significa e o que supón o traballo vitivinícola, os seus custes e a necesaria sustentabilidade e rendibilidade que debe ter todo sector produtivo, pero tamén sabemos a necesidade que ten o amante (para eles simples consumidor) do viño de pracer e de emoción, de goce, e de toda a literatura que o viño e o seu mundo aporta e que por suposto SI ten. Se este presidente quere chamarlle a isto romanticismo ou poesía e o considera secundario ou negativo, pois alá el, menos mal que existen elaboradores e viticultores que nunca lle farán caso, grazas a eles Cunqueiro de estar entre nos seguiría escribindo con placer, e gracias a eles os viños de Galicia (entre eles os da Ribeira Sacra e non polo labor de organismo ningún) están onde están. O viño necesita creadores, propagadores, visionarios que se vaian adiantando ao futuro e tamén poetas, cronistas, escribidores, e por suposto románticos.

Unha das ideas defendidas por algúns presentes na mesa era que o “terroir” é unha químera, algo así coma un santo grial do que todos falan pero que en realidade non existe, un simples argumento comercial. Desde logo que existe, quen non cree nel será porque nunca o “cheirou”. Falando do término terroir, no discurso de presentación do túnel do viño fíxose referencia aos galicismos no vocabulario do viño, defendendo a presentadora  que en vez de terroir debería dicirse terruño, término que por certo tampouco é galego, nin pega moito coas terriñas de por aquí, ou que en vez de vigneron habería que dicir viticultor… Estes términos franceses, que normalmente son os empregados polos defensores dos viños con identidade propia, están recoñecidos internacionalmente como sinónimo de máximo respecto pola viña, e por algo será, aínda que comprendo a quen busque outros.

Desde o meu ponto de vista o futuro pasa por:

  • Afondar na diversidade, explotar a riqueza das mil terriñas de mil vales e doutros tantos rios, ladeiras únicas, viñas especiais.
  • Recuperar territorios históricos do viño, desenrolar as subzonas ou as microidentidades e recoñecer o seu valor. Deixar de pensar que o minifundio é unha praga e non, cecais, unha benzón.
  • Ampliar os tipos de viños a elaborar: doces, vendimas tardías, escumosos…
  • Despois da moda varietal, de recuperación das castes tintas minusvaloradas nesta última época do viño galego, elaboradas de xeito monovarietal para recoñecer as súas características de maneira limpa e individualizada, debería vir o tempo dos viños plurivarietais, máis complexos, equilibrados e seguramente lonxevos, para os que existirán mil posibilidades de combinacións.
  • Existe unha volta ao orixe, á comprensión das elaboracións máis tradicionais ou antergas.
  • Desenrolar o aspecto cultural, histórico e incluso espiritual do viño. É un factor inherente aos grandes viños do mundo.
  • Resulta evidente que os imitadores non venden porque son peores que os imitados e ademais máis caros. O lóxico, racional, de sentido común ou natural, ademais de ser máis comercial, é ofrecer o que outros non teñen.
  • En viticultura aumentar o cultivo máis natural, integrado ou ecolóxico: coidar a viña e o seu patrimonio, se non non hai futuro. Coidado por onde e como se estende o viñedo. Protexer a viticultura tradicional.
  • Aumentar a produción supón maior custe, pior prezo e menor calidade con maior oferta e máis dificultade de venta.
  • Respecto ó consumidor.
  • Nas tendas de viños e na hostalería debería aumentar o número de persoas comprometidas cos viños interesantes, de prezos axeitados e de zonas variadas de Galicia e do mundo, non baseados nos márxenes de distribución. Profesionais non manipulables polas grandes distribuidoras nin polas guías puntuadas.

11 ResponsesXornadas de Viticultura. Polo futuro que ven to “”

  1. bo artigo Antonio, si todo iso que dis, se levara a cabo, uf uf que e moi dificil, seriamos unha das zonas mais fortes de España, xunto co Priorato que e unha das miñas zonas preferidas, varietal ou monovarietal, pluriovarietal, bueno ahí, eu digo, cada quen que elabore como queira sempre levando unha linea de traballo……terroir= terriña perfecto…saudos Antonio bo traballo,

  2. Moi bo artigo me encanta a tua vision sobre a vitivinicultura pero si teño que pedirche perdon por unha cousa primero deixaret para o ultimo e segundo e mais importante non ter mais tempo para escoitaros mais por que si foi un pracer compartir mesa contigo o co resto da xenta que estaba na mesa “A Vitivinicultura galega a debate” grazas

  3. Cada mañá, un novo sol,
    cada noite, novas estrelas.
    O futuro pertence os soñadores
    que cada día espertan.

  4. Concordo ata o final coa túa preclara visión. Eu penso que palpitaba a paixón pola viña e o viño. Moitas grazas pola túa ciéntifica sensibilidade
    E o culmen foi Pontevedra, e ese pazo da Cultura pegado ao río, e as rúas tan acolledoras… e o viño no corpo e na cabeza.
    E a terroir galega é a nosa aposta, as nosas viñas, a terra, as nosas mans, e o corazón e cabeza que as conducen, o viño, e ese retrogusto persistente ata a seguinte botella descorchada no adecuado momento…

  5. Comparto o do Priorat Piño, en vez de mirar para alí ou para Borgoña ou para zonas que buscan a excelencia pois…
    Cada un elabora o que quere pero o final nos beberemos aos que nos respectan e nos tratan como consumidores intelixentes e … con sentimentos

  6. oes Juan, garda algún poema para esta noite en Tui, virás non?
    e trae algunha garrafa de As Furnias, é viño dos de Cunqueiro

  7. Raquel xa somos unha boa tropa os que apostamos por NOS, polo futuro con paixón… nunha copa de viño e máis alá…

  8. Grazas a vos Jorge, paga moito a pena colaborar coa vosa Asociación polo compromiso que demostrades coa viticultura deste pais.

  9. Os poemas deixos no tinteiro, que non é o meu
    pero un par de botelliñas non han faltar.
    Vémonos na taberna

  10. Amigo Antonio, completamente de acordo coa tua visión do futuro do viño galego. Solo aporto un apunte: Datos do C.R. da D.O. Ribeira Sacra a fecha 30/10/2011: As ventas aumentaron o 5% nos últimos 12 meses, a pesares da que está caindo, dudo que con castas internacionais se conseguira.

  11. Gracias polo apunte José Mª, e seguro que en todos estes anos terás acumulado moitas experiencias semellantes.