de Postmarcos o Altares

O aroma atlántico máis fino e menos explosivo, o que sutilmente vai e ven coma unha brisa mariña nunha tardiña do mes de San Xoan, aparece na península do Barbanza con este albariño da banda dereita da ría de Arousa. O sur mírase eiquí nun espello granítico entre regatos que baixan e bosques e penedos que esconden historias castrexas, de rituais antergos que selaban intercambios cos fenicios, dalgún mosteiro de orixe gaélica que nos fai imaxinar os tempos que forxaron as nosas terriñas. Historias que Manuel Gago nos ha de contar de vagar.

Unha albariña das vertentes graníticas tumbadas cara o sul desde o Barbanza que mostra unha cara aromática equilibrada, cun frescor que atempera a exuberancia que ten de raza o albariño, para iso houbo unha espera pausada de 15 meses de guarda en depósitos de aceiro. Aberto o venres antes da fin de semana navideña foi de novo bebido o luns, dous días gardado e o Altares seguía mostrando amablemente os aromas entelazados das froitas amarelas como a pavia cos das brancas como a pera e os cítricos, con herbas aromáticas e graníticas pedras. Pasa cunha acidez alongada atravesando un corpiño de tacto agarimoso e un amargor final silandeiro.

E ainda houbo un terceiro día máis co mesmo pracer para o gusto e para o nariz.

O Altares 2009, Viño da terra do Barbanza e Iria,  esta elaborado pola familia Crusat con albariño da súa finca Entre os rios situada na parroquía de Postmarcos, nome antergo que fai referencia ós habitantes do post Tambre, no concello da Pobra do Caramiñal.

One Responsede Postmarcos o Altares to “”

  1. […] d.o. galegas, tamén comprobamos a sorpresa que se levan todos aqueles que os descobren. O Altares cada vez que o probo gústame máis, o Xirpin leva na súa alma o gusto de antano mesturado cos […]