Ladeira Vella

Castes vellas de garnacha tintureira en ladeiras recias e asoladas. Hai tempo que esta variedade chegara pola porta de atrás, daquela os nosos viticultores pasaban tempos difíciles e o apego ás vellas castes de Nos fora esmorecendo, foran as pragas (mildiu, filoxera, oidium), a emigración…

O abarello de sempre, o que partindo das ribeiras do Sil poboara en grande proporción a arquitectura duriense, levantada por paisanos desas mesmas ladeiras do Sil e do Bibei, ese albarello foise indo, converténdose co tempo so nun recordo, e aquela garnacha de personalidade tintureira foi enchendo os vales desde as beiras do río ate as pendentes máis alonxadas, acompañada dunha mencia máis tímida e sinxela.

No circuíto ou na travesía que realizamos ó través do universo do viño estamos entrando na etapa, fase ou ciclo da volta ó orixe, sobre todo en zonas como as nosas que perderon, ou esqueceron, ou se alienaron fronte ó seu pasado somerxéndose en tendencias – técnicas – gustos – identidades alleas. Inda hai moita xente que non é consciente delo, pero algúns dos que si o son, e que eu considero máis lúcidos, son os técnicos que formaron parte dalgunha maneira desta fase que imos deixando atrás pero que pola súa idade teñen referencias doutros tempos e, despois destas décadas de mecanizacións erróneas, viticultura enfocada ó vigor e a produción e tratada en exceso, do intervencionismo extremo na elaboración, e bla, bla, bla… son quen de comparar, porque teñen recordos e referencias, coas vivencias vitivinícolas anteriores a estas “pragas” e tomar conciencia do que se ten feito mal.

Pero esta volta ó orixe que marca no mundo do viño o sentido común e a naturalidade das cousas, e non o romanticismo nin a poesía como teme algún presidente, nos devolverá o albarello, máis ben tarde que cedo, así a todo chegará (outros “románticos” , os de Alan de Val, xa arrancaron con elo).

Esta volta ó orixe ten unha estación intermedia provocada por outro “romántico” (A Coroa) que pasou de vinificar illadamente unha vellísima garnacha tintureira para consumo propio, so compartida coas mellores visitas, a etiquetalo e desta maneira poñelo a disposición de todos nos, unha variedade ate ese momento escondida das etiquetas dos viños de Valdeorras e de calquera outra zona.

A Coroa fora quen iniciara esta historia das vellas garnachas, das mellores ubicadas e por iso as mellor adaptadas a este val do Sil, algo así como a historia do alicante bouschet nas terrinhas do Alentejo, caste desde hai moito tempo xa propiamente alentejana, indispensábel en todo viño moderno, clásico ou tradicional que tente reflectir a identidade daquel Portugal.

Pero a estirpe da tintureira vella e solitaria estendeuse co Alan de Val “A Escada”, co Ventura de Adega da Pinguela e coa Garnacha vella “da chaira do Ramiriño” de B. Sampayolo.

Distínguense e fanse atractivas estas garnachas por un carácter que xungue unha personalidade silvestre, e leñosa, de tanicidade incisiva, coa redondez que aporta a madurez golosa da súa cara frutal conxugada cun alcohol envolvente que co seu volume lle da consistencia. Así foi no Ladeira vella 2009 de Adega  A Coroa (A Rúa), aderezado dun fondo de especiarías: noz moscada, cravo e as recordaçoes do pau de regaliz, cun mato balsámico e o terroso do lar.

A Rúa de Valdeorras

Os comentarios están pechados.