Couto Mixto

A raia, ese espazo fronteirizo “sensa frontieras”, unha raia virtual salpimentada de pequenos “viñuedos”, “majuelos”, “pagos”, pezas, viniñas antigas, e outras máis novas, poboadas por castes de entre Douro e Sil, algunha delas descoñecida para nos e que nos soan como de máis alá da Terra Media, desta terra media que é Monterrei, ou aos tempos das repúblicas de homes libres que nos relata Manuel Gago.

No Couto Mixto 2010 estas castes son a Dona Branca, o Verdelho e a Formosa, elaboradas en Mandin (Verín) por Francisco Pérez Diéguez, máis coñecido como Xico de Mandín, viticultor cunha biografía moi interesante, entre outras cousas el fora dos primeiros que se mobilizaran para a constitución da D. O. Monterrei. Hai máis información sobre esta comarca arraiana e sobre o seu Xico no post Festa das Adegas do blog da Asociación Galega de Viticultura.

O Couto Mixto representaba ese ente onde nos gustaría vivir: autogobernado, con lingua de seu, liberto de exercitos, de impostos ou de tributos polas terras e polo comercio, sen dni, con dereito de asilo e incluso con algo tan futurista nos tempos que andamos coma o dereito de derogación, que non é outro que a posibilidade de mudar os representantes elixidos se non desempeñaban a súa función.

Hai algo mediterránico neste branco, de viños do Mediodía occitano… de luz dourada reflectida entre ortigas e ameixeiras, de campo peiteado con herbas aromáticas azoutadas polos raios do sol, de piña e froita escarchada aderezadas con cravo e noz moscada que, no seu paso pola boca, acompañan un trago saboroso e denso pero suave, redondo pero integrado cunha escintilante acidez.

Os comentarios están pechados.