Clos Saint Philibert

A mineralidade que abrazan os campos en flor,

a froita que sobresae, neste momento para dominar,

a madeira ancorada no fondo dun mar mineral.

Porte serio que esconde, e destapa, un estrondo

de vida nova, primaria, que o tempo levará á madurez esperada,

á ledicia para os sentidos.

Personalidade exuberante por calmar,

pide paso, deixa impronta, da luz ó padal

e vaise cun adeus que non é…

hai un futuro que agardar, inda é cedo

Porque é así? primeiro, a orixe: a Borgoña das Hautes – Cotes de Nuits, pero isto so non chega… ademais Clos Saint Philibert Monopole, cerquiña de Echézeaux, así a todo segue sen chegar, falta o ano que marcou o seu climat, do que falo é do 2008. Do resto, imaxínense: lenta  fermentación en toneis, sen filtrar, de cepas de Chardonnay de vinte anos e pico en 3´8 h., propiedade única deste Domaine,  de solos pedregosos a unha altitude de 380 m., orientados cara o leste e sudeste e coidadas con prácticas que buscan a harmonía entre a vide e o seu medio, aradas con cabalo… En resumen terroir e vigneron, este é Domaine Meo – Camuzet

Os comentarios están pechados.