Quinta de Saes 1996

O bosque atlántico vai estendendo, poc a poc, a súa presenza, de aires balsámicos, entre as especias, as flores secas, o coiro e a pel dunha montura. Vai fresco pola boca, con acidez cumprida e un tanino que deixa o seu leve recordo, coa sensación dunha froita agarimosa, sutilmente licorosa, e outra vez o bálsamo dos matos leñosos perdidos entre piñeiros abaneados pola grande Mar. Mentres os tragos se sucedían con alegre cadencia, as veces que o nariz buscaba na copa os aromas, descubría que co paso do tempo o aire do océano íase calmando, e co seu repregue o balsámico da foresta.

Por Alvaro Castro da Quinta de Saes, no pé da Serra da Estrela a 400 m. con solos graníticos e calcáreos, o Tourigo Nacional con Jaen, Alfrocheiro Preto e Tinta Pinheira da magnífica anada no Dao de 1996. Noutra ocasión pasou por este caderno o máis noviño Saes

O Dao é o epicentro, xeográfico e espiritual, da vitivinicultura portuguesa. Na Iberia é a elegancia, o clasicismo, a harmonía das formas. A perfeta sincronización dunha caste de forte personalidade e orixinaria desas terras como é o Tourigo (Touriga Nacional), coa singularidade máis atlántica do Jaen (Mencia), co mundo primario da Alfrocheiro Preto, coa Tinta Pinheira (Rufete) ou coa Tinta Roriz (Tempranillo).

O Dao ficou no extraradio  da pasada moda globalizadora definida pola extracción e concentración das máximas potencias. O Dao foi un reduto ensimesmado no seu.

Desde as Rías Baixas so hai que deixarse caer pola costa oeste, mirando de esguello cara o solpor, outeando a liña que xungue o azul mariño co celeste, e, en chegando a Aveiro, a pequena Venecia, virar para o leste ate a Serra da Estrela.

Alí xente que transmite nobreza, algúns deles máis coñecidos para min como Antonio Lopes Ribeiro da Casa de Mouraz , Joao Tavarés da Quinta da Boavista ou o máximo expoñente deste porte o propio Alvaro Castro.

Os comentarios están pechados.