ese día foi…

Veiga Serantes “vendima seleccionada” (2007) da adega do mesmo nome en Barrantes de Ribadumia no Val do Salnés.

Gardaba esta botella desde o túnel do viño do mes de agosto, coincidindo coa Festa do albariño, túnel no que estivéramos inseridos catro días. Recoñezo que aqueles días non fun quen de atoparlle algo ao Veiga Serantes que no conxunto do cento de marcas coas que convivimos, fixera namorarme dela e non doutras.

Pero onte sorprendeume, non a esperaba, tíñame fallado todo aquel tempo pasado no túnel, todos os días pola maña e pola tarde acercábame a ela coa mesma proposición… pero ningún deses días atopara a resposta buscada. Onte, cando xa non agardaba máis que refrescar a soidade da cea, non cría que me fora entregar os tragos que me fixeran ir máis alá, pensaba que xa o tiñamos falado todo, máis onte deume o que pedira… desde hai tempo.

Ten ese recordo escarchado, de acidez expansiva e volume agarimoso que as veces atopamos na albariña granítica de viñedos que asoman a unha ría baixa da Galicia atlántica, claro que despois do tempo natural que todos necesitamos para dar o mellor de Nos.

Recórdame á brisa que ven da praia traendo a baixamar, rodeado de herbas que cheiran, tumbado á sombra dunha pavieira co punto goloso que lle deixou un día soleado e o calor da túa compaña.

tróuxome froita de oso, aire fresco salino, mambrelo, herbas aromáticas, especias brancas, flor branca silvestre e unha punta mineral que se vai estendendo coma unha caricia. Acidez que limpa un paso de volume untuoso, deixando a boca impregnada dun frescor longo entre os aromas pasados, eses que volven con cada cheiro, con cada bico.

con albariñas así… se estivera lonxe de Punta Balea unha copa deste precioso dourado levaríame a súa costa, sentados nas rochas co calor da casiña en min

se os aromas me enchen tanto como o rastro que me deixas… a boca é para non despegarte dos meus beizos

One Responseese día foi… to “”

  1. GARDADA E AGORA…TRANSMITÍNDONOS TODO ISO? POIS SI QUE CHE TRANSMITIU SÍ¡ HAI COUSAS QUE AS VECES NON PODEMOS PERCIBIR A PRIMEIRA. CECAIS: O PASO DO TEMPO POR ELAS ACABA SORPRENDENDONOS¡ E COMO SE DE SÚPETO, CHE VIÑESEN A MENTE ESES INTRES E RECORDOS MARAVILLOSOS QUE RETES COS TEUS CINCO SENTIDOS…OS RECORDOS QUE ADQUIRICHES DENDE NEN@ E QUE DESPOIS FUCHES SUMANDO A MEDIDA QUE TRANSCURRE A TUA VIDA¡ ESES QUE NON SE ESQUECEN NUNCA E PERDURAN PARA SEMPRE NO TEU REXISTRO, NA TUA MEMORIA¡ ALÉDOME DE QUE DESFRUTARAS TANTO DESA CATA POIS…O MEU PADAL…DEBECERÍA POR UN “VEIGA SERANTES” DESA CATEGORÍA¡