Hush

vivo, moi vivo… serán castes esquecidas durante séculos e viñedos perdidos no tempo, ou cecais por iso e gardaban unha forza ancestral, primitiva e salvaxe (nome do seu viño branco que tomarei no mas) así a todo non golpea con pesadeces, nin corta o trago, todo o contrario, invita a ser gozado sen paraxe. Viveza que vibra con sabrosura deixando no gusto unha sensación de ledicia saltarina, cos recordos dos viños de antano cincelados nun carballo novo que fica na distancia.

brillante cor, relucente boca, luminosos aromas… tamén relucente cor, brillante boca, luminosos aromas, ou…

Ule vermello, entre torrados que aínda deixan o seu rastro, despois negro de froita e negro fondo de chocolate entrelazado con menta. E sobre todos os aromas un balsámico multiplicado por dous ou por tres: polo fío mineral da terriña, polos matos do bosque e polas herbas do campo que animan todo este ambiente vivo.

Hush 09 (d.o. Ribeiro). Un Viño de Encostas elaborado por X. L. Sebio de bagos en “silencio de cepas de castes esquecidas cultivadas a man en chan de arxilas e xistos”.

As castes? se coñecen a Sebio comprenderan que non as mente, tampouco lle preguntei porcentaxes, sabía que para el, como para a maioria de elaboradores do Ribeiro co seu consello regulador á fronte, as castes non son nada máis que un dos factores que conforman o seu terroir, e seguramente non o máis importante.

Asi a todo gústame dicir carabuñeira!!… encántame, entre outros moitos nomes de castes. Tiñamos un verxel de variedades, aínda o temos por descubrir, enchido de nomes agarimosos para mencionar nos viños deste pais.

Os outros factores da terriña de seu, da que orixinou o Hush, forman parte dunha busca por viñedos tradicionais, de solos variados, nas encostas do Avia, onde se repregaron as castes máis antigas, mesturadas no tempo coas sucesivas achegas doutras castes vindas de alén destes vales. O Ribeiro ven sendo o lugar onde remataban todas as castes do pais.

Escribindo sobre os viños de Sebio non atopo mellor momento que este para apoiar a reivindicación da verba vigneron que fai Joan Pallarés desde o seu Devinis

Os comentarios están pechados.