Issué… Bernardo, Arnoia

Bernardo Estevez é un labrego de viñas, un misioneiro das vellas castes nas terras dos seus devanceiros con epicentro en Remoiño pero estendidas por varias ladeiras e vales de Arnoia. Bernardo é un herdeiro dos monxes, eses que buscando a esencia dos bagos eran quen de chegar máis lonxe e con máis profundidade que calquera dos técnicos academicistas.

Co seu labor Bernardo forma parte do grupo de vignerons (unha especie de unión entre labrego e monxe) dos novos tempos que buscan no viño a expresión dunha terra, baseándose para elo na recuperación de castes ancestrais que transmiten no seu adn a esencia da súa terriña, e nunha viticultura respectuosa co medio que vai ó compás dos ritmos da natureza, ritmos que seguían os viticultores de antano dos que, a diferencia das zonas máis reputadas do mundo cunha inercia que as protexe dos bandazos das modas, no noso pais se ten perdido a súa pegada.

Para Bernardo o potencial dunha viña está no seu solo, nas súas característica e no estado no que se atopa, na vida que garda: dúas viñas pegadas con idéntico chan orixinan bagos de acios e polo tanto viños completamente diferentes gracias ou pola culpa do seu viticultor.

Todos os seus labores culturais cos tratamentos naturais asociados, entre eles preparados biodinámicos, buscan o maior coidado do solo e o equilibrio natural no medio que rodea á cepa, un organismo vivo que ten que ser protexido, activado e preservado na súa diversidade biolóxica.

Viña de Lado na parte de Firvidelas que cae cara o Arnoia

Coa recuperación destas castes (silveiriña, caiño da terra, tinta amarela, carabuñeira,…) algunhas delas a piques da extinción, xunguidas ás máis clásicas de nos, cunha viticultura que ten coma obxectivo un bago de calidade, ó mesmo nivel ou por riba das prioridades facilitadoras do traballo e da rendibilidade dunha unidade de produción, e non de forma secundaria, e cunha elaboración no que a intervención (toda elaboración supón intervención) busca a expresión máis natural dos bagos e lonxeva dos viños. Con todos estes factores recupera, entre outras moitas bondades, un certo gusto de antano, do que puideron ser os viños do Ribeiro en épocas pasadas.

Estarei co Issué 2009, que de momento é o único viño que Bernardo Estévez comercializa, na cata do domingo no Forum Gastronómico por varios motivos, evidentemente polo viño, pero tamén porque aínda está arrancando e lle queda un traballo intenso que estou seguro dará grandes froitos, por representar un exemplo de viticultura natural, de calidade e tradicional, por Arnoia… xa contarei.

Hai uns meses pasara por aquí neste caderno.

4 ResponsesIssué… Bernardo, Arnoia to “”

  1. Xa debezo por catar o ISSUÉ de Bernardo Estévez, xa que sin coñecelo o Viticólogo dos Bagos a través do seu blog transmíteme o amor a terriña e o bo facer que ten este home…polo contido nótase que ese ISSUÉ está moi mimado¡¡ e a frase: DUAS VIÑAS PEGADAS CON IDÉNTICO CHAN ORIXINAN BAGOS DE ACIOS: VIÑOS COMPLETAMENTE DIFERENTES GRACIAS OU POLA CULPA DO VITICULTOR ¡¡TOTALMENTE DE ACORDO¡¡ A VEDRDADE QUE O CHAN PODE AXUDAR PERO O COIDADO QUE O VITICULTOR LLE PROPORCIONE TAMÉN É CLAVE¡¡

  2. Montse o seu traballo na viña é admirable.

  3. Me gustaba más el anterior viticólo,serán cosas de la evolución……

  4. formato? contenido? ambalasduas? lo demás…