Ribeira Sacra próxima estación (anada)

Veño de estar na Cata de calificación da anada 2011 na Ribeira Sacra. Nela calífícase a calidade dunha anada, neste caso en función de dez mostras de viños das que cinco eran mostras extraidas de depósito, dunha selección entre as adegas, pequenas e grandes, das cinco subzonas que conforman a denominación de orixe.

A conclusión final, após media das puntuacións realizadas polos dez catadores que participabamos, deu coma veredicto a cualificación de “Moi boa”

Independentemente desta cualificación e do que nos ensinaran a cada un de nos os viños modulados pola sinfonía climática do 2011, e interpretada con distintas tonalidades polas diferentes adegas, a Ribeira Sacra é cada ano máis consciente do grande potencial que esconde. Paisaxe, historia, vitivinicultura… na súa máxima expresión xunguíndose para algún día facer destes espacios encepados de castes que aos poucos voltan a tomar o protagonismo que a mencia fixera seu monopolizando e asumindo a identidade destas ribeiras, así brancellaos, merenzaos, caiños, sousóns ou garnachas tintas asoman con decisión e unha identidade escondida para dar forma ós viños que virán, para algún día facer detes espazos un dos referentes do mundo do viño máis alá da Galiza.

Desta maneira entre a regularidade in crescente das adegas máis reputadas por ser referentes inexcusabeis desta D.O. no exterior do pais como Algueira, Guímaro ou Dominio do Bibei, e das individualidades xa consolidadas como Régoa ou Viña Regueiral e das novas versións das adegas máis “clásicas” como Abadía da Cova, Vía Romana ou Ponte da Boga, conviven os elaboradores tradicionais, máis grandes ou máis pequenos, dos que cada ano un deles, case sempre diferente, é quen de pórse ó nivel dos mellores gracias a unha axeitada interpretación da anada empregando o mellor instrumental do que dispoñen: un terroir de incríbeis ubicacións abancaladas con vellas cepiñas.

A impresión foi “moi boa” e sobresaínte nalgunha das pequenas adegas tradicionais.

Iremos falando dos que nos vaiamos topando no camiño… ou na copa.

post publicado no bago miudo  novo blog que teño inserido en prazapública.com

Os comentarios están pechados.