Pedro / Guímaro

En Brosnos, parroquia do concello de Sober, na beira luguesa do Sil que se denomina Amandi, quentiña e soalleira, está a adega Guímaro e as viñas de Pedro Rodríguez.

Achegámonos a Brosnos despois de xantar no Restaurante Dona Branca do magnífico hotel Palacio de Sober, onde o seu chef Marcos Varela fixo que recuperaramos a inspiración e a enerxía despois dunha densa cata de tintos galegos, rioxanos e do Duero castelán. Sono con pasar unha noite nalgunha das súas suites adornadas cunha impresionante colección de arte moderno.

O silencio se estende no chao pola noitiña.

Os cans xorden de súpeto da escuridade e o fume ascende coma a luz dunha vella lanterna.

As estrelas pousan sobre nos… pégolle un bico ó que será o Guímaro Meixomán e pásame o frío deste anoitecer de entroido.

Cheiro a Penitencia despois do Pecado.

E volvo ó El Pecado… teño algo especial con el, tenme pasado en varias ocasións, a cegas recoñezo o seu sabor entre un feixe de viños. Sábeme ó equilibrio do teu corpo, ese que me fai atrapalo, caer, repousar, ficar, deitarme nel unha e outra vez, sen tempo, percorrendo as formas que non cansan.

Escoitamos a Pedro mentres o vamos seguindo depósito tras depósito, ate que rematamos sentados enriba das barricas falando das historias dun rapaz risoño e traveso, que co tempo chegou a transmitir e crear ilusións ó través de garrafas de viño.

Depósitos e barricas que expresan cada un ó seu xeito anadas, ladeiras, castes… historias.

Veu a noite no chao e o silencio estende o seu eco facendo que os cheiros entren directamente cara o baúl dos nosos recordos.

Así Ladredo, Pecado e toda a familia dos Guímaros acariñan desde o seu repouso: o Ladredo de Dirk Van Nieport vai sobre un campo empedrado, mineral e herbáceo, o Pecado de Raúl Pérez… da igual na fase que estea, sempre pasa cun fondo de elegancia que namora, e o Guímaro, que será Meixomán, garda as mellores anadas que xa están esperando co carácter de Amandi en cada paso. O que pode ser A Penitencia (cento por cento raspón) marcará outro paso adiante nos tintos de Nos.

A próxima visita levaranos polas sacras pendentes de cepas orantes penduradas cara o sur sobre o Sil.

Os comentarios están pechados.