Viticultores en Portela

A adega Valdesil presentou esta semana no restaurante do grupo nove A Rexidora a nova imaxe dos seus viños, as novas etiquetas están baseadas nas serigrafías creadas polo deseñador Fernando Gutiérrez que fora director de arte de publicacións coma Colors, Vanidad, Matador e dos suplementos Tentaciones e EP(S), ademais de crear a nova identidade e deseño do Museo del Prado.

Fernando Gutierrez e Guillermo Prada (Valdesil) con Xavier González, chef de A Rexidora.

Valdesil son os Viticultores en Portela (Vilamartín de Valdeorras), ladeiras asoladas de Córgomo e Portela con solos de xistos descompostos e unha grande amplitude térmica: pizarras, montaña alta, viñas en pezas, godello, o Sil… para un viño de vila coma o Valdesil, de viñedos cunha media de 30 anos, fermentado en aceiro onde permanece coas súas lías, un de parroquia coma o Pezas da Portela, diferentes pezas vinificadas por separado en carballos de  distintos tamaños, e un de viña coma o Pedrouzos, viña plantada en 1885 que orixina cincocentos magnum nunha anada normal.

Os probados e logo bebidos foron no caso dos dous últimos da anada do 2009 e da do 2010 no Valdesil.

Van con andares de corpo saboroso, cunha acidez que lles da ás, onde a madeira vai un paso atrás. Volume, acidez e unhas raizames que con tempo son quen de levar esa intensidade primaria, sustentada nun fondo de carballo e envolta polo aire balsámico do mineral, cara unha elegante e pracenteira lonxevidade que non esquece o seu terroir: pizarra, montaña alta, godello…

O que os viticultores en Portela elaboran en vermello baixo o nome de Valderroa, hai un Valderroa carballo que inda descoñezo, é unha mencía que aparece co monte baixo e o mineral da súa terra dando a cara para ir deixando o paso, pouquiño a pouco, á froita vermella e á silvestre acompañadas dunha flor azul.  Ten un gusto fresco e equilibrado que engancha a man á copa e o beizo á boca, para beber deseguido.

Pola sua banda Pedrouzos 2009 demanda pausa, para esquecer o tempo, deixar as presas e vivir o momento, un momento que poderíamos atrasar anos, seguramente décadas. Pedrouzos é a esencia, o peso específico dunha caste no seu territorio, é o terroir dando o do de peito nuns bagos que arrastran a densidade centenaria do viñedo máis vello de godello. Profundidade e emoción. Se un día pousan unha copa del nas súas mans… acouguen, e beban, sen tempo nin medida.

2 ResponsesViticultores en Portela to “”

  1. Algún día,
    a lo mejor lejano.
    Cuando cada uno esté ocupando el sitio que SIEMPRE le correspondió….y que hoy todavía aparece oculto
    con una copa en la mano
    nos sumergiremos en esa profundidad…………

    Sin tiempo ni medida.

  2. seguramente Máis Alá…