O viño no Morrazo

A península do Morrazo forma parte dun dos dedos da man de Galicia que pousada sobre o Atlántico da forma ás Rías Baixas.

As castes de Galicia pululan por toda a Gallaecia desde o Narcea e Negueira de Muñiz ate as puntas oceánicas de Donón e o Barbanza e desde Betanzos ate Guarda no Dao portugués.

Trazar unha traxectoria histórica desde a sobrevivente especie da vitis vinífera pasando pola europea primitiva vitis silvestris ate as castes que hoxe resisten con maior ou menor sorte nalgunha cepa, emparrada ou non, no espazo gallaecio é un labor que esta por facer.

Pero despois deste inciso que me serve para dicir o que xa todos imaxinades, que na península do Morrazo coma no resto das terriñas e territorios vitícolas galegos conviven unhas razas de castes comúns a todos eles e ubicadas pola primaria selección xeoclimática e despois distribuídas pola posterior selección humana, co inciso dos períodos críticos como foron as diferentes pragas, as crises sociais como a emigración ou as épocas do aumento considerábel do consumo de viño nas que se ten introducido variedades foráneas como as máis populares Jerez e Alicante ate os híbridos pasando por outras de procedencias varias como o tempranillo.

O Morrazo non é un territorio homoxéneo, existen microespacios  dunha riqueza e identidade diferenciada, inimitábel, dunha autenticidade apabullante como as terriñas de tintos definidos e estilizados, frescos, atlánticos de pura cepa: son os tintos de Cela e doutras parroquias de Bueu onde a Tinta Femia, cachorro ou batorro, da estirpe do caíño redondo, é o sinal de identidade, o estandarte dos seus viños.

Máis adiante, na banda sur bañada pola Ría de Vigo, o viñedo cangués vai desde a beleza de Donón ate Moaña. Por alí dominan as castes pálidas máis ou menos douradas como a treixadura, o torrontés, o espadeiro branco (loureiro) e por suposto o albariño. O albariño xa é maioritario en Vilaboa, onde as viñas dormen na pracida adoración da ensinada de San Simón que coma unha lagoa pecha a Ría de Vigo polo seu fondo, o que mira o amencer.

Nesta península entre rías, entre as rías máis baixas, a vitivinicultura esta orfa, sen amparo regulamentario protector e difusor de ningún tipo.
Pola súa banda a denominación de orixe Rías Baixas abrangue cinco subzonas, onde tres delas son ribeiras de ríos: a do Ulla e as do Miño ó seu paso por O Rosal e polo Condado e so unha subzona está na beira dunha ría, é so nunha das súas bandas, a outra banda é O Barbanza, con indicación de Viño da Terra.

Resulta evidente que por xeografía, viticultura e tradición o Morrazo vitivinícola é Rías Baixas, afirmalo resulta incluso ridículo.

Gracias á Asociación Galega de Viticultura que convocou o pasado sábado o Foro do Viño do Morrazo puidemos calibrar a dimensión histórica e o presente da viticultura nesta península, pero sobre todo matinar nun futuro para os viños do Morrazo.

publicado hai un par de días no bagomiudo. prazapublica.com

2 ResponsesO viño no Morrazo to “”

  1. Oxalá saia algún viñeron a elaborar viños singulares no morrazo, porque condicións hai para tal cousa, agora ben, a presión constructora, as parcelas ridiculas e de cultivos varios…non sei, pero como digo oxalá, as xentes xa amosaron dabondo a singularidade (tinta femia, millo corvo,viñas en areia de praia, cervexa incluso, etc)

  2. ahí estamos…