apariencias sinxelas

A historia vitícola da humanidade resumida nunha aparencia sinxela, leve tea cubrindo un corpo que invita a ser gozado, natural, sen a sucesión de capas, de roupaxes que retrasan o goce e o pracer, que non deixan ver a beleza limpa da pel espida, suave, vibrante, co nervio que acelera os sentidos, sen as roupaxes que esconden o que buscamos, a natural atracción que hai entre nos.

Con esa cor que rexeitan ou non comprenden os técnicos academicistas, cor que presenta os aromas das baias silvestres, a froita fresca vermella e, baixo o cheiro que anuncia a música inminente das cores perfumadas na floración, un campo de verde relucente. Co gusto que estimula o padal e máis logo o espírito, coma teus bicos.

Cores, aromas e gusto que atopariamos in extenso, de xeito natural, por estas terriñas coas súas castes se a influencia dos técnicos academicistas se limitara ó seu púlpito baleiro, o eco baleiro da súa testa infectada de parámetros alleos, para outras terras, variedades e climas. A calidade que adoran é a marcada pola acumulación de cifras e pola altura dos índices, empezando pola apariencia… cargada.

Os comentarios están pechados.