Corisca

Corisca: vento forte con saraiba.

 

Adegas Corisca naceu no ano 2005 en Entenza (Salceda de Caselas), O Condado, con dúas hectáreas que na actualidade chegan ás catro. A primeira anada comercializada, xa co certificado do consello regulador da agricultura ecolóxica, foi a do 2009. Este que ven hoxe é o 2010 que se pode mercar por 10€, máis ou menos.

No trago aparece a albariña co carácter da beira galega do Miño, con froita máis asolada, mambrelo e tons melosos.

Entra cun saudo amabel, tímido no volume, e vai deixando un percorrido suave polo padal. Na despedida vai entre flores brancas, antes aromas de herbas á tardiña despois dun día soalleiro, pero tamén a pera, a cirola amarela, a albaricoque e a cítricos.

O tempo desvela a presencia do mineral, coma un penedo entre os frutais.

Outro grolo nos volve a traer un paso suaviño e lixeiro con recordos amoscatelados.

Un viño das beiras do Miño que transitan entre as dúas subzonas, con aromas que se achegan ó nariz levándonos cara a súa desembocadura (O Rosal) mentres a boca destapa aromas que nos remontan polo seu curso (O Condado)

publicado en bago miudo

Os comentarios están pechados.