A banda atlántica

Pola banda atlántica, desde o potencial redescuberto e imaxinado da Galiza, unha realidade en buliciosa fermentación con moito por facer aínda, cara ó sur co solpor e o Atlàntico da man. Seguindo pola beira do mar e remontando os ríos que vamos topando hai mil historias que beber.

Melgaço e Monçao abren con forte identidade a vasta regiao dos verdes na que o rio Limia ourensán, cando pasa pola vila da súa Ponte, proporciona un escenario ideal para as viñas de loureiro.

O duriense aparece de súpeto, despois dun final dos verdes que se estende coa impresión de non rematar. Xa no Douro viramos cara a esquerda polo seu curso ate o máis alto e superior, antes o Corgo, o de baixo e o de cima, saudando infantarios, boys varios e casais de británico abolengo, para rememorar tamén a orixe dos seus vales, dos que partindo da Galiza os poboaron como o brancellao e o bastardo, antes da saga das tintas e tourigas pasando polo aínda supervivinte sousao. Onde o moscatel é galego.

Seguindo cara a cara co mediodía imos sumerxindonos no Dao, na elegancia do gusto, no granito e nos aires do bosque, nun mediodía cercado pola Serra da Estrela cara ó mencer e a Bairrada por onde o sol se vai. Terriñas de Penalva, de Tavarés, de Mouraz, Gouveia… vinhos do Dao… para achegarse ó eixo, ó vértice, ó nervio central da vitivinicultura de Portugal, desta banda de terras que sinten o Atlántico na alma, sexa co microclima que sexa.

Bairrada… coma un buraco negro no universo Portugálico, lévame a outra dimensión das sectas de Baco, na que o carácter… na que o carácter o tempo converte en amistoso e inesquencíbel.

Desde Coimbra ate a zona máis alta e “norteña” do puro sul que habita Alem do Tejo, atravesamos un puzzle xeográfico que coma un collage de indicacións vitícolas daban forma á extinta Estremadura dos vinhos e agora son a base da grande regiao de Lisboa. Por alí seguen agochados tesouros como Colares, onde a brisa oceánica sobrevoa sen descanso cepas de Ramisco amarradas na area, vinhos impregnados da foresta balsámica co nervio do frescor salino mariño

Lisboa… saudade atlántica, fado que Amalia nos deixou para non esquecer, para que o teu recordo non me deixe, para vivir pensando en ti mentres Alvaro de Campos ou Ricardo Reis, ou cecais fora Alberto Caeiro, apela “passa ave passa, e ensina-me a passar”

Deixo ao Tejo gardando a Lisboa antiga para buscar outra serra (da Arrábida) e outro río (o Sado) con outras ladeiras e outros areais, Setúbal, e rastrexar buscando o bastardinho entre moscateis e castelaos.

Remato no Alentejo, pola prácida paisaxe que cae desde a Serra de San Mamede, entre talhas de barro, na que fora a terra cerealífera do estado novo, coa trincadeira do Pera Mança e o Mouchao de alicante bouschet, fillo bastardo que reina nos seus mellores viños.

Non volvo porque nunca marchei.

2 ResponsesA banda atlántica to “”

  1. DENDE O NORTE O SUR DENDE O ESTE O OESTE… O VECIÑO PORTUGAL…SEMPRE NOS ESTÁ BRINDANDO A SUA PORTA …ESA A QUE PODEMOS PETAR… POR QUE BEN SEGURO É QUE ALGUÉN NOS ESPERA TRAS ELA¡¡… ALGÚN AMIGO NOS OFRECE A SUA HOSPITALIDADE E ASÍ XUNTOS PODER PARRAFAR… COMPARTINDO UNHA BOTELLA DE VIÑO…DESAS QUE NOS ABREN OS SENTIDOS E NOS LEVAN MÁIS ALÁ¡¡

  2. cando todo se torza ainda nos ficará Portugal… menos mal!!