Picos

Levo tres anos sen ir á Liébana. Coñezo los Urrielesel Cornión e un pouco menos el Andara desde hai décadas, do tempo en que non eran parque nacional e a pouca xente que pasabamos semanas entre jous, paredes, agullas, esporóns e demais cantos calizos, pese as apariencias insanas, eramos escrupulosamente detallistas co medio que nos acollía. Agora aquilo é como a rúa do Príncipe (a máis populosa de Vigo) vixiada por gardas municipais.

Daquela nas rúas de Potes atopábamos a mesma cantidade e variedade de “queixiños” das súas vertentes, o mesmo cocido lebaniego capaz de repoñer todas as calorías perdidas durante semanas nun so prato dun so xantar, ou os mesmos sobaos pasiegos, pero foi a bebencia a máis agradecida con este paso dos anos. Antes repoñiamos a sede, saciada durante días coa pura auga dos cada vez máis escasos neveiros, con sidra e con… máis sidra, algún tamén se atrevía cos tradicionais orujos e licores desta comarca, pero desde hai un tempo xa hai viño na Liébana. Viño que fai o seu primixenio labor de repoñer e saciar a sede, mais tamén o de converterse nun aliado da conversa emocionada e acompañar o recordo das vivencias que aínda latexan no corpo, ou de experiencias máis distantes, do compañeirismo forxado nas “duras” condicións pasadas, da vida mesma e por suposto estar na orixe de novos proxectos.

Levo tres anos ausente da Liébana pero gracias ós granxeiros Juan e Noe son quen de estar rememorando vellas movidas cunha copa de Picos, un dos viños que me trouxeron. O Picos está elaborado en Cabezón de Liébana pola “Compañía Lebaniega de Vinos y Licores” con mencia, tempranillo y garnacha engarrafados após un estadio de tres meses en barrica.

Co pensamento na última anada que probara deste viño, a do 2006 ou mesmo o Picos versión “Roble” tamén do 2006, e con aquelas impresións aínda na memoria, o primeiro impacto quer me produce este 2011 é de sorpresa. Desde a norteña e montañosa Cantabria, iso si dun val que se abre ao sur castelán e que está protexido da humidade do Cantábrico e do frío norte polo macizo de Andara o que fai que desfrute dun microclima bonanceiro, así a todo un espera, como fora naqueles viños do  2006, altas doses de frescor e frutalidade primaria vibrante ademais do verdor dos campos e o aporte incisivo da terra, sen embargo como veredes non foi así:

Picos 2011: á vista destaca porque aparece cuberto por varias capas de cor, do cereixa da picota, ou do picota da cereixa, bordeada de morado, que ó abanear a copa déixana coma nun velatorio. Se sorprende a súa profundidade visual a olfactiva non se queda atrás gracias a un impacto mineral que inunda o nariz, coma un halo procedente dunha caverna pizarrosa e non da caliza que domina en todos os macizos, despois froita negra, sobre todo mora, matos e regaliz dando o contrapunto primario. Para manter o ton de sorpresa a boca tamén impacta cun paso saboroso que enche o padal con densidade e amplitude. Vai cun tacto mineral e unha sensación golosa na entrada que se torna frescor equilíbrante para recordarnos o Cantábrico.

Se puidera mercaría unha caixa, penso que era 5 € a botella, para gardar sen medo e ir comprobando a evolución desta sorprendente anada ou elaboración.

Os comentarios están pechados.