Senso Vadio

Senso Vadio 2009, O Ribeiro

Xenial, pero non sei por onde empezar, cecais a palabra axeitada sexa equilibrio, ese que fai que a descrición sexa máis difícil, ou máis fácil porque sobrarían o resto de palabras. Hoxe vai ser esta última.

Estes tres días que o Senso Vadio encheu a copa foi para o meu pracer un viño perfecto, deixoume sentidos e espírito satisfeitos por un frescor vivo que se arrastra ate o final, nun corpiño fino e alegre perfumado co ambiente primario que mostra ó nariz, tamén vivo, incisivo, de froitas vermellas, especias e algunha flor. De puntuar os viños podería soltarlle tranquilamente un 95 sobre cen.

Durante estes tres días, as veces, entre tragos e cheiros, dubidaba de min mesmo, foron días flor ou froito? realmente cheiro o que ulo? quero dicir… non me estarei imaxinando… ou… pero non, é así. Mañá mercarei as tres botellas que ficaban na viñoteca.

O asombroso é que por 5 € ademais de todo o anterior ofrece algo exclusivo e limitado, son catro mil botellas dun viño elaborado con castes únicas no mundo (sousón, brancellao, ferrol e mencia), dun viñedo cunha historia non das máis antigas senón das máis reputada no mundo do viño (O Ribeiro). Se por 5 € atopan un viño con estas propiedades desas zonas superventas e megafamosas que arrasan polos nosos locais de viños, mérqueno, se non o atopan e aínda así seguen a pedilos… estarán estragando unha gran oportunidade de desfrutar de algo máis auténtico e cercano e, perdoen o atrevemento pero, trabúcanse.

Elaborado por Emilio Docampo Dieguez no concello de Cenlle. Pouco máis sei da adega e da elaboración, pero, que sabemos deses riojas de elevadísimas producións? da viticultura que aplican, das intervencións seguidas na adega para garantir ese gusto uniforme e monótono? e, que lles fica da variedade e do seu territorio?

Os tintos galegos ofrecen a esencia dunhas castes namoradas das súas terriñas e dos produtos que dan, cos que se elabora a gastronomía tradicional que suplica polo carácter dos nosos tintos.

publicado en bago miudo

2 ResponsesSenso Vadio to “”

  1. Buf. Que pinta!. Haberá que atopalo…

  2. Se ainda hai na viñoteca onde o merquei gárdoche unha.