O Morrazo

Cara ó Atlántico, cos pés abaneados polas mareas, mollados entre cunchas, e o cabelo peiteado pola súa brisa mariña, de profundidade oceánica…

Cara ó solpor existe unha viticultura apegada á terriña, de esquelete granítico e veas regadas desde o Miño ate o Ulla por mil regatos que rematan o seu camiño entre viñas para seren co Atlántico Rías

Desde a aparente uniformidade na parte costeira ate as zonas que ascenden, ou descenden, polo curso dos ríos atlánticos como o Ulla, o Miño, o Miñor, o Tea, o Umia ou o Verdugo, estas zonas foron conformando a oficialidade da D. O. Rías Baixas.

Pero tamén existen outros espazos máis de ría, máis baixos e moito máis atlánticos que a maioría dos territorios que forman parte desa denominación.

Existe unha península entre rías cunha proa que enfila o horizonte do solpor coroada por un Facho de pegada telúrica.

O Morrazo constitúe esa península inserida no medio da xeografía física e vitivinícola das rías baixas oficiais, e o fai ademais cunha riqueza sen igual nas outras subzonas da d.o., cunha diversidade que poucas bisbarras ou comunas vitivinícolas posúen.

A cara norteña do Morrazo, bañada polas mareas da ría de Pontevedra, acouga os viños das parroquias de Bueu, auténticos “Vins de Vila”, nomeadamente o val encovado que forma Cela coa presenza pontifical, esmagadora e feliz para pracer de Nos da Tinta Femia (o caiño da terra que no Ribeiro Sebio e Bernardo coidan con amor en Camporredondo e nalgures de por alí, ou a Zamarrica que Mateo puxo en escena, outros funcionarios ou non sabían dela ou se a coñecían calaban descreidamente).

Cela

Nesta mesma banda da península do Morrazo está a Ría de Aldán, extremándose por fora da Ría de Pontevedra entre a illa de Ons e as Cíes, coma querendose achegar a elas nun pequeno chimpo. Nesta pequena ría compartida por Bueu e Cangas moran preciosas viniñas coma esta de albariño con condución moderna en Pintens (parroquia do Hio):

Pintens

A babor da península e co sur sempre presente, xa asentados na Ría de Vigo e coa proa do Morrazo á súa costa repousa un viñedo do que estou namorado… si, so penso nel… e cando desde a Costa da Vela, nos lombos do Facho dos nosos antergos, miro o solpor caer amodiño entre as Illas Cíes… so podo matinar no viño que alí quero facer.

Donón

Desde os areais desta punta onde dominan as castes brancas coma o espadeiro branco (loureiro) o albariño, a treixadura ou o albariño portugués (torrontés) vamos pasando pequenas viñas en Cangas e Moaña ate chegar ó fondo da ría, a Vilaboa, alí repousa na pracida tranquilidade da ensinada de San Simón o viñedo máis dinámico e extenso do Morrazo. Hai ben pouco que estivemos na Mostra dos seus viños comprobando a calidade dos brancos, cun nivel semellante ó das outras zonas máis reputadas, e a necesaria mellora nos tintos.

Vilaboa

En todos estes microespazos peninsulares a parra baixiña, asentada sobre piares de granito e conducida entre vigas de madeira, foi deixando paso ó moderno emparrado de formigón e cables de aceiro, co ancho e altura facilitadores do laboro mais seguramente non da calidade.

O Morrazo é terra de furanchos e furancheiros, lugares sinalados por un ramo de loureiro pendurado onde é permitida a venda de viño despois de que este se teña vendido nas zonas “oficiais”, tradición viñateira singular que ven do século XVI. Este ano so en Bueu, e debido a maior produción da pasada colleita (2011), hai 17 furanchos, neles podedes atopar botellas de tinta femia a 8 €

3 ResponsesO Morrazo to “”

  1. Queixo SEMPRE e ps

  2. Muchas gracias por el post, querido Antonio, y por la información sistemática y bien ordenada que presentas y, en mi caso que no domino tanto, por la toponimia. Estaba ordenando mis notas de la visita para terminar un post sobre algunos de los vinos bebidos en esta pasada estancia en Galicia, y quería terminarlo con los vinos do Morrazo, tinta femia y albariño, que alguna cosa bien interesante probamos!
    Muchas gracias por la visita y por la paciencia! Un abrazo,
    Joan

  3. Fue un placer Joan, un auténtico gusto disfrutar de la conversación y la pasión que transmites.

    una abraçada