Cazoga, de Jorge Carnero

Viña Cazoga 2010. Viño elaborado por Jorge Carnero Fiuza en Pacio (Sober), polo tanto con mencía da vertente de Amandi, esa que mira o sur e o sol por enriba da banda dos leitóns.

Da antiga, porque xa so fica na memoria languidecendo ate que non sexa máis que un recordo esquecido, uniformidade mediocre dos viños das Ribeiras Sacras de hai un par de lustros, pasouse a un presente de desfrute xeneralizado con viños ora agarimosamente frutais, unha mencía así si!!! que me gusta, ora carnosos, coa potencia que algúns nunca sospeitaran nestes vales, ou co carácter mineral e a verticalidade rochosa que definen estas ladeiras, ou o máis recente pulo in crescente dos varietais recuperados: albarello, merenzao, caiño, garnacha e sousón, o último en chegar.

Non ten nada que ver coa imaxe que aparece na etiqueta, supoño, pero o Viña Cazoga ten un carácter recio e a limpa sensación da altura dos cumios despois dun trebón, con descargas eléctricas que na boca transfórmanse en frescor vivo e fina tanicidade.

A súa boca, viva e saborosa, ten o mesmo tacto salgado que deixa un fío de auga parado na rocha que lambemos con sede.

Cando os recordos da pedra mollada e a seria rectitude que marcan os ambientes pendurados se van apagando, acéndense o verde escuro das zarzas e o vermello das froitas, e o mato do bosque non fica tan afastado.

Da man deste viño de Amandi, convén insistir: hai que ir acostumándose a dicir Amandi ou, no seu caso, a ribeira que sexa: Miño enriba ou Miño abaixo, Sil ou Bibei…, da man ou do grolo do Viña Cazoga síntome coma nunha cordada colgado dos balcóns abancalados.

Haberá, que hai, quen diga que non existe a tal mineralidade e defenda que é froito da alucinada imaxinación duns cantos catadores – soñadores, así a todo coñecemos ese cheiro, tivémolo a cm da napia durante moitas xornadas de escaladas, impregnando as mans e pegado ó corpo.

do outro caderno dos bagos: Bago Miudo

4 ResponsesCazoga, de Jorge Carnero to “”

  1. Excelente post maestro…pura fibra.

    Preguntabame si tedes xa decidido o listaxe de presentes na “emoción” deste ano…para ir poñendo os dentes (e o nariz) longos..

  2. Bos días.

    Fai tempo que vou seguindo o voso blog, e cada día paréceme máis interesante.

    A prol da afirmación sobre as “ribeiras” coido que pódense facer traballos técnicos para pór os alicerces dunha clasificación por subzonas. Traballos que doten aos discursos de profundidade e argumentos agronómicos e enolóxicos para a diferenciación por “terroirs” tan á moda estes derradeiros tempos.

    Unha aperta é moitas felicitacións.

  3. Canto tempo Louzán!! gracias polas palabras.
    En breve, se me da tempo hoxe, poño polo blog os asistentes á Emoción.
    Espero verte por Tui…

    Apertas

  4. Ola Xoan, o interesante son as historias que aínda garda o mundo do viño en Galicia: as que levamos estes últimos anos, nas que estamos metidos agora mesmo e as que están esperando por ser destapadas. Unha delas e despois do boom varietal será a zonificación e máis logo a microzonificación dos diferentes espazos vitícolas galegos: vales, ribeiras de mil ríos, vilas, vertentes, rías, ladeiras…
    Sei que hai funcionarios da materia… pero os avances ate o de agora son produto da iniciativa desprendida de xente sen apoios de ningún tipo.
    De todas as maneiras a min chégame a experiencia de xeneracións de viticultores que dictaminaba cales eran as ladeiras e as viñas e as cepas e os acios que orixinaban os mellores viños e as diferencias entre eles.
    Aínda que non me importaría ser subencionado para tal encomenda.

    Unha aperta e gracias