Polos Viños da Emoción… no claustro

 

Dentro dunha semana estaremos na Emoción cos viños que son quen de levármonos máis alá.

Nesta edición de “A Emoción dos Viños” tíñamos un compromiso afectivo e de gratitude coas adegas que participaron naquela primeira convocatoria e polo tanto arrancaron co que a Emoción empeza a ser. Fixéramoslles unha chamada para algo novo, do que so sabiamos que sería algo especial, e confiaron nas nosas palabras e sobre todo na nosa emoción.

Ademais deles viran tamén os que por diversos motivos non puideran asistir o ano pasado e outros invitados pendentes.

Sabemos e coñecemos moitos máis viticultores que deberían estar no claustro con viños que emocionan, e estarán nas próximas edicións, pero o espazo do claustro e moi limitado e “A Emoción dos Viños” busca as mellores condicións para beber, e para conversar, e para ir devagar, e para escoitar… beber sen presas e sentarse un anaco a sentir o silencio do claustro ou a música de compoñentes da banda viguesa “Son de Seu”, e seguir bebendo… e máis logo emocionarnos, e…

Estes serán os viticultores e adegas que traerán nos seus viños a Emoción:

Gerardo Méndez (Do Ferreiro), Rodrigo Méndez (Forjas del Salnés), Eulogio Pomares (Zarate), Alberto Nanclares (Nanclares), Alfredo Alvarez (Triskel), Lusco, Jose Antonio Rodriguez (Tricó), Todd Blomberg (Benito Santos), todos eles das Ría Baixas.

Pedro Guímaro, José María Prieto (Régoa), Fernando Algueira, Dominique Roujou (Ponte da Boga), Dominio do Bibei. Desde as Ribeiras Sacras.

Luis Anxo Rodriguez, X. L. Sebio (Coto de Gomariz, Viños de Encostas e co viño de Bernardo Issué), Pazo Casanova e Javier Monsalve (Eloi Lorenzo) desde os diferentes vales de O Ribeiro

X. L. Mateo (Quinta da Muradella) de Monterrei e Valdesil desde Valdeorras

Anselmo Mendes e Marcial Dorado desde Melgaço nos Vinhos Verdes, Joao Roseira (Quinta do Infantado) do Douro, de Bairrada ven Mario Sergio Alves (Quinta das Bageiras) e do Dao Antonio Lopes Ribeiro (Casa de Mouraz)

Tui estará representada polas adegas Canónigo Areal e Remesal, polos viños do enólogo tudense Manuel Areal (Quinta do Vale da Perdiz no Douro e Penderuyos en Cangas de Narcea) e pola tamén tudense Susana Esteban, que despois de pasar polas durienses Quinta do Cotto e Quinta do Crasto elabora na actualidade os viños alentejanos: Solar dos Lobos, Monte dos Cabaços e Tiago Cabaços.

Ademais contaremos coa Asociación Galega de Viticultura que nos traerá algunhas elaboracións especiais das castes das comarcas máis descoñecidas da Galiza vitivinícola.

E finalmente unha simbólica representación de viños tradicionalmente marxinados deste tipo de eventos, viños que por estaren elaborados de xeito tradicional, artesanal ou caseiro eran considerados de peor calidade, pero ocorre que cada día vamos descubrindo un auténtico filón de autenticidade e carácter nos viños de pequenos elaboradores, do seu propio viñedo coidado con moito mimo, con castes esquecidas e as veces únicas desas pequenas viñas. Son amigos do Ribeiro, Valdeorras, Bueu e o tinto tradicional granxeiro.

Achégate a sentir a Emoción dos Viños…
a elegancia do terroir,
vignerons nun espazo de monxes,
para vivir a desatada meditación, a inspirada reflexión e a agarimosa conversa estimulada polos grandes viños que elaboran para nos… os devotos das copas desde sempre e para sempre de VIÑO
O sábado 16 de 12 a 2 e de 5 a 9, en Tui, no claustro da Catedral

6 ResponsesPolos Viños da Emoción… no claustro to “”

  1. Brutal!! Non teño palabras… conto as horas ata o sábado.
    Alí nos vemos Antonio..

  2. Vémonos Jose Luis… para a Emoción

    Unha aperta

  3. Parabéns pola organización. Estivo todo estupendo. Agora só queda esperar ao próximo ano. Un saudo

  4. Gracias Iria, foi de Emoción.
    É un gusto compartir viños e escenario con xente como as que nos acompañasteis no claustro.

  5. Parabens mestre !! Premio merecido e xusto… Noraboa!!

  6. Moitas gracias José, espero a túa chamada por ese asunto…