a Emoción foi

Viaxamos a modo, pola aventura que iniciaramos o ano pasado:

a dos viticultores e os viños coa música e os amigos que nos emocionan.

Quédannos moitas travesías,

co timón da nosa copa arrombaremos cara ós catro puntos cardinaes da Emoción

sen presa, de vagar, bagos miúdos

Soñamos no claustro que pisabamos xardíns albariños ou brancellescos, con elegante porte, e que escalabamos sobre lousas abancaladas…

Sobrevoamos por onde o sol vai indo cara o solpor, deixando atrás todas as corredoiras de todos os vales encepados do pais, para ir, coma un peregrino que volve todos os días ó camiño, na busca do máis alá detrás do oeste dos viños

Demos voltas ó claustro, as veces trazando espirais coma nun triskel biodinámico potenciador das pequenas doses que bebiamos de cada viño, noutras seguindo círculos ó seu redor coma un derviche na busca da verdade que esconden.

Por xardíns de albariñas entre penedos graníticos cubertos de salitre, bastión de proa abaneado polo mar fresco de Arousa sobre areas quentiñas: así van os viños de personaxes moi diferentes que conseguen o que sempre desexei beber do val do Salnés:

Zárate, Benito Santos, Do Ferreiro, Rodri (Forjas), Alberto Nanclares

o Minho… chamámoslle Pai porque é o esqueleto que divide en dous hemisferios o pais: no sur o espazo regional Minho, basto territorio entre o Douro e el mesmo, e cara ó norte as penínsulas, vales e comarcas que se asoman á beira do Atlántico e do Cantábrico, con máis querenza de mar e de pequenos ríos que buscan rías.

Desde as beiras enfrontadas dese esqueleto hai viños polos que pasan as anadas e… non torcen o rumbo, seguen esa liña que fai que nunca teñamos dúbidas con eles:

Lusco, Anselmo Mendes,  Alfredo (Triskel), Marcial Dorado, Tricó

O epicentro da vitivinicultura Gallaecia está no Ribeiro: co equilibrio entre o sabor atlántico e o gusto das diferentes vertentes dos vales do interior, onde todas as castes do pais teñen o seu refuxio, o verxel da capital vitivinícola do Reino de Galicia.  Cantados e imitados, aqueles viños de Ribadavia eran os mellores do mundo, teñen o pouso e a inercia dunha clase e dun adn que nin o tempo nin os desaires da historia son quen de eliminar.

Luis Anxo, con Alfredo o meu primeiro mestre, e o meu primeiro traballo nun viñedo… iso non se esquece. Luis é unha referencia de seriedade e constancia… pasará á historia, e os seús viños, para alguén que teña pisado case todas as terriñas do pais, son os que botaría no cáliz do escudo de Galicia.

Bebede os viños de Sebio, e máis logo preguntadelle sobre a súa orixe… contestaravos co discurso que no futuro será o de todos os viños desta célula de universalidade: primeiro a terra e logo ás castes (plurivarietalidade). E se pasan por Arnoia comprobarán porque non tememos polo seu futuro: Javier Monsalve (Eloi Lorenzo) e Bernardo Estévez (Issué)

Hai vales a ambos lados do Miño regados por ríos con identidade propia que rematan nel o seu camiño, vales con centos de vertentes acubillando miles de viñas de vellos encepamentos que resisten para facer rexurdir o gusto dos viños perdidos.

A Ribeira Sacra co tempo expandirase, haberá ribeiras sacras cunha personalidade reivindicada e diferenciada en cada unha delas, cunha identidade sinalada polo nome dos ríos, por como se lles achega o Atlántico e polos solos que desde o granito ate ás lousas de xisto marcarán ós seus rexistros.

Fernando Algueira, xenial, cada ano dando unha volta de torca máis. José M. Prieto (Régoa) na busca do santo grial dun viñedo único… buffff o día que o atope…. Dominio do Bibei, eles son monxes que desde o seu santuario de viños e viñas tentan levarnos máis alá, e como impón o seu hábito sen presas… porque saben que o conseguirán. Pedro Guímaro leva a ledicia e o ímpeto da mocidade, por iso con el e cos seus viños sempre debuxamos un sorriso despois dun grolo. Ponte da Boga ou cando a vocación de chegar a todo o mundo sen perder a calidade pode acompañarse da busca da expresión máis auténtica dun viñedo ou dunha caste.

Xose L. Mateo … o modelo. O que todos aspiramos a ser. Monterrei sen el… imaxinádeo por un momento, non verdade… Nos mesmos sen el… tampouco. A Emoción sen el… imposible.

Joao Roseira (Quinta do Infantado) é o duriense máis achegado a nos, entre o abolengo de estirpe británica e as clásicas familias máis elitistas, Joao tráenos co seu abraço agarimoso a familia dos infantados, para descubrir de xeito directo e limpo o carácter dunha paisaxe Patrimonio da Humanidade.

Antonio Lopes Ribeiro (Casa de Mouraz) no Dao escóndese o que todos, ou algúns, buscamos nun viño: a elegancia dun gusto que convida á bebida sen medida, entre os cheiros inconfundibeis de toda a paisaxe das Beiras: bosques, penedos e frutais, entre a Serra da Estrela e a Bairrada, e cunha relación calidade – prezo insuperábel.

Dos tudenses Manuel Areal (Quinta do Vale da Perdiz no Douro e Penderuyos en Cangas de Narcea) e Susana Esteban espero algún día o seu viño galego.

Mario Sergio (Quinta das Bageiras) Bairrada tradicional con todo o que elo supón… para dar sabor a terra


O magnífico traballo da Asociación Galega de Viticultura, con algunhas das novidades que aínda garda a Galiza vitivinícola, eu non penso despegarme deles. E os compañeiros Román de Praia América (Nigran) Xan Centrón de Ventosela (Ribeiro) e Iago de Entoma (Valdeorras)

Esta crónica da “Emoción dos Viños” non foi un percorrido viño por viño do que ese gran día bebemos, labor inxente para máis adiante, agora quédame o nexo común que atopei entre todos os viños que probei, todos aportaron a súa pinga, maior ou menor, a un día emocionante, todos tiñan o seu especial, todos enchéronme coa súa pequena ou longa historia, todos fixéronme rir, emocionarme, reflexionar… non houbo indiferenza en ningún, algo difícil de explicar, pero así foi.

Brindamos coas copas de todas as terriñas, de todas as castes, de todos os clans vitivinícolas do pais reunidos no claustro en conclave para invocar polo futuro, para que nunca deixemos de soñar… de ir Máis Alá

a Emoción voltará

3 Responsesa Emoción foi to “”

  1. Unha mágoa, o de non haber fuxido cara tan emocionante cita.

  2. entón vémonos na próxima…

  3. […] José Luis Mateo y Joao Roseira, es una pareja que resume toda la emoción. Tienen una sintonía similiar, aunque sus vinos sean diferentes. Uno produce en Monterrei, el otro en Douro. Uno es un invetigador de variedades, el otro es heredero y embajador de una tradición de estirpe en Oportos, como dice Antonio Portella, Joao tráenos co seu abraço agarimoso a familia dos infantados, para descubrir de xeito directo e … […]