Manuel D´Amaro

Nunca esquecemos o que chegou a emocionarnos, na memoria fica o que nos ten emocionado, é o filtro dos sentidos.

Houbo unha época na que a xente bebía viños sen maquillar, e os que gozaron deles a litros gardan no seu recordo, entre outros, aqueles viños de pedral, e polos xestos que debuxan na cara e as palabras que soltan debían ser emotivos ou emocionantes dabondo.

Sei, e defendo, que ten que haber de todo nun pais vitivinícola coma o noso, pero humildemente penso que non habería que abandonar ou mellor dito que debería ser maioritaria a liña que levou aos tintos do pais a namorar, a abrir novos vieiros, a retomar vellas castes e tradicións, a facernos crer de novo en nos mesmos… en fin o camiño correcto que é o da busca, sempre, da excelencia, da calidade, da expresión auténtica de castes e territorios. Caer nun gusto “comercial” agora que sabemos onde poderíamos chegar, ou derivar cara estilos alleos e modas xa pasadas no mundoviño (madeirizacións, alcois e concentracións en niveis superiores ó sentido común) sería camiñar cara atrás ou cara ningures, por onde non se vai a ningún sitio. Estes días teño escoitado varias veces a palabra microsixenación, e con ela viñéronme á mente de novo todas as técnicas e innovacións: taninos, leveduras e demais parafernalia bodeguil empregada, en vez de para facer un viño mellor como pensan os seus empregadores para todo o contrario, para conseguir un viño común, facilmente clasificábel e rapidamente esquecido.

Hai adegas que procuran un gusto acorde cun suposto “consumidor” xenérico, por ese vieiro rematase na estandarización e homoxeneización, empregando todos os protocolos que garanten esa mediocridade. Son incapaces doutras historias porque non cren no seu potencial, pensan que este é reducido, que non se pode ir máis alá espremendo ou experimentando co seu viñedo.

Esquecen que a vida é curta de máis para ir por ela degustando, e moito menos bebendo, bad wine: viños aburridos, absurdos, estériles, anodinos, clones cos mesmos xestos no rostro e por suposto sen alma.

Queremos apreciar nunha copa a pegada máis ou menos profunda, máis ou menos marcada, que nos mande dun chimpo á natureza da súa orixe.

Manuel D´Amaro 2011. 12º

Elaborado por Bodegas Coto Redondo en Rubiós (As Neves), O Condado (Rías Baixas), con pedral, caste tradicional das beiras minhotas no seu tramo entre Tui e o Ribeiro pola banda norteña e das vilas de Melgaço e Monçao para abaixo na banda sur.

Aromas de froita negra co son da terra e o aire do campo cando o solpor, antes deles flor… e despois deles flor.

Fino corpiño que surca polo padal e permanece no gusto acompañado dun tacto que fai salivar. Deixa frescor atlántico… minhoto.

Vai de granate brillante achegando sutilidade ó nariz e un gusto que agocha elegancia… e garda moi boas maneiras.

Hai alicerces para unha poesía campestre, unha oda á primavera e un canto ó teu corpo espido entre o frescor das herbas luminosas cunha coroa de flores adornandoche o cabelo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Deixa unha resposta