Os viños do Auria
Auria vinum. Os viños no Ourense Aurio. Na expansión da cultura do viño e do seu consumo, ou viceversa, tanto nos ten, que levamos desde hai tempo Ourense representa unha praza prioritaria, ven sendo o epicentro xeográfico o redor do que se atopan catro das cinco denominacións de orixe galegas, ademais da vinculación que sempre tivo co mundo agrícola, determinaba o latexo da súa vida e a circulación das súas arterias viarias, mesmo tiña adegas no seu centro histórico.
Así que Ourense necesitaba un algo vínico onde, nun espazo senlleiro, experimentar o bulir vitivinícola do pais o través da conversa cunha copa na man e o padal impregnado de terriña: castes, solos, climas e viticultores.
Nesta 1ª edición do que esperamos sexa unha cita anual de longa vida contamos con 28 adegas, algunhas delas novidades prometedoras, outras expuñan por primeira vez os seus viños en directo ó público e desta maneira calibraban as súas opinións e reaccións cara a cara.
Había amigos que tiña moito interese en que estiveran presentes, como Juan Arbones coa súa historia tintada procedente da parte alta de O Condado, viñas no concello de Crecente que non dou visitado, historia titulada As Furnias. Un cando proba este viño e fala con Juan ten a certeza de que isto é so o comenzo dunha longa historia que non podemos imaxinar… irémola lendo a medida que a vaia escribindo anada tras anada.
Outro Juan, de Viña Regueiral (Amandi) foi para moita xente, incluso para compañeiros e adegueiros alí presentes un descubrimento sorprendente. Para os que xa o coñecemos desde hai tempo foi unha confirmación de estilo, sen concesións ás modas ou a outras influencias que o aparten dunha liña que non se desvía na busca dunha expresión limpa, dependendo da anada case transparente, da mencía no seu terroir. O 2010, ese sábado, era unha pintura naturalista de puro estilo borgoñón.
De Manuel Formigo non vou engadir máis do xa dito neste caderno dos bagos, so esperar polo que el e o seu viñedo nos vaia dando, do Tostado so dicir que probablemente será a referencia.
Houbo sorpresas que non esperaba como o Gaudila 2009, albariño do pequeno viñedo que ten en Goian (O Rosal) o distribuidor de viños Milton, elaborado na adega Gran Novás. Coa evolución que esperamos nun albariño de dous anos de vida, realmente agradábel.
Castro de Lobarzan (Monterrei) acaba de embotellar o viño dunha barrica de godello e treixadura cunha potencia estratosférica que garante unha longuísima vida, claro no caso de que alguén conserve unha desas 300 garrafas, e non lles pase coma no tinto que sacaron co nome IS. Eu pedinlles unha caixa… igual pensaron que estaba de coña, ou se esqueceron… voulles chamar.
Monterrei tivo a representación máis numerosa, a falta dunha feira propia seguro que en nengun outro evento se ten reunido tentas adegas de aló. Ademais de Castro de Lobarzan foi unha descuberta a adega de Oimbra Tabú cos seus Stebaida, días despois déronlles un acio a un dos seus na cata dos viños de Galicia que organiza a Xunta, outras foron Pazo de Valdeconde, O Cabildo, a voluminosa Tapias de Mariñan, Abeledos, Boo Rivero e o tinto de Xico de Mandin, do que gardo unha botella para tomar con calma, música, mirando o mar e … O que contan de Xico é toda cousa boa, por iso xa teño marcada a súa terriña no caderno de bitácora da miña travesía polos viños…
Pero a próxima escala xa ten destino: O Barbanza, e mentres non chega ese día no Auria Vinum puidemos comprobar como os seus viños están o nivel dos mellores das diferentes d.o. galegas, tamén comprobamos a sorpresa que se levan todos aqueles que os descobren. O Altares cada vez que o probo gústame máis, o Xirpin leva na súa alma o gusto de antano mesturado cos novos aires que sopran na banda norte da ría de Arousa.
Desde Valdeorras Alan sempre en grande forma, impasíbel o ademán sen baixar a garda, dos seus o Costiña gústame moito máis nesta última anada. A novidade desde aquel val veu co viticultor Jose Luis Arístegui que arranca con tres viños, esa terna que vai camiño de converterse en clásico na Valdeorras moderna: no seu caso unha mencía con garra, unha garnacha tintureira vivísima que pide décadas de calma, e un godello que terei que volver a probar por fata de tempo.
Toalde, levaba tempo con gañas de probalo, bueno recordo que despois da cata de calificación de anada deste ano na Ribeira Sacra comprobei que fora un dos que máis me gustara. Vai con aromas que me remiten ás ribeiras do Miño Sacro pero cunha boca de máis carácter.
A lista complétase pola banda atlántica con Moraima, “digo Moraima cando quero beber e vivir e soñar e … digo Moraima cando quero un albariño de Barro agarimoso coma o seu nome”, e os amigos de Os Areeiros de Vilaboa (O Morrazo) cun branco xeitoso e un tinto que necesita mellorar. Subindo polo Miño en O Condado Adegas Coto Redondo: Rubiós. Levan unha longa lista de viños que aparentemente, para un amante dos viños minoritarios, ou distinguidos, ou cun áurea de vigneron probablemente non lles chamen a atención, ou lles aplique os prexuízos que todos coñecemos, pero… con esa materia prima e nesas terriñas… non me importaría estar nesa adega.
Gran nivel e equilibrio polas bandas do Ribeiro: desde Arnoia Manuel Rojo, de Castrelo de Miño Eduardo Peña, de Ourense Pazo Casanova, do Avia de Leiro os Beltane de Jesús Nores e de Ribadavia o Agas do Tempo e El Paraguas de Felicísimo Pereira: un día gústache máis un e o día seguinte é o outro, diferentes pero irmaos… de pai.
Estamos moi contentos co resultado do Auria Vinum, arrancamos a modo pero as boas sorpresas foron moitas, e sabemos que irá a máis. Descubrimos novas marcas, elaboradores, viticultores que pasan a comercializar o que levaban anos cultivando…
Temos sorte, agora mesmo calquera cita vitivinícola neste pais é unha garantía de agradábeis sorpresas, descubrimentos, afirmacións ou confirmacións de liñas ascendentes.
Había tempo que o pensabamos, que o imaxinabamos, que o desexabamos, que o aventurábamos… e vai sendo unha, ou moitas, realidades…
Pero non temos pensado parar, a seguinte cita será en Cambados, no túnel do viño que faremos con motivo da Festa do Albariño. Esperámosvos na costa… Proximamente máis detalles.
Gracias ós compañeiros da Asociación Galega de Sumilleres e sobre todo ós amigos da Asociación Galega de Viticultura, é un pracer compartir historias con eles. E moitas gracias á Concelleira de Turismo e Cultura de Ourense Isabel Pérez pola iniciativa e por todo o apoio que nos deu.
Aquí a crónica do Auria Vinum da A.G.V..



2012-07-17 at 8.02 p.m.
[...] Os viños do Auria viticulturista.blogaliza.org/2012/07/17/os-vinos-do-auria/ por raxozorza hai 2 segundos [...]