104 das Rías Baixas
De túnel en túnel aínda que coa sensación de estar ó aire libre, baixo este celeste atlántico perfumado pola brisa mariña e o calorciño que permite pasear a calquera hora do día por areais e sendeiros da túa maniña.
De túnel en túnel coa Emoción dos Viños no recordo e o desexo de volver a atopala en cada copa que nos servimos.
As próximas copas témolas preparadas na antiga conserveira Jose Peña de Cambados para o túnel do viño das Rías Baixas, a 300 m. do bulir festeiro da alameda onde estarán as tradicionais casetas coas adegas participantes na “Festa do Albariño”
Estaremos para, de vagar, entre a reflexión e as palabras, botarlle un pulso e moitos grolos ó que se move, elabora e cultiva nas Rías Baixas. Será a única oportunidade ou unha oportunidade única, de catar, beber, degustar, probar ou como queiran denominar o acto de descubrir o que un viño nos ofrece nunha copa, será unha ocasión para experimentar o estado actual dos seus viños, e se acaso intuír cara onde se dirixen…
Estarán 104 marcas pertencentes a 56 adegas, descoñezo os motivos das que non aportan o seu viño para poder disfrutalos nese espazo libre e independente, obxectivo e pensado para os amantes do viño e para todas aquelas persoas ás que lles interesa coñecer, descubrir ou profundizar e perfeccionar os seus coñecementos sobre os viños das varias terriñas, vales, vilas, “subzonas”, de rios ou de ría, das castes todas deste occidente atlántico iluminado polos raios máis agarimosos do sol e dos seus 365 solpores.
Alí haberá representantes de todos os diferentes territorios da actual denominación de orixe Rías Baixas cos seus diferentes tipos de elaboración, cada vez máis diversos, que orixinan os viños que disfrutamos: limpos e directos, sobre lías, diferentes pasos por distintas madeiras, viños novos e viños menos novos, frescos e vibrantes ou máis densos e envolventes, agarimosamente doces…, …
Podedes consultar o programa no blog da agasu
