Couto Mixto
Sentímonos na raia, coa sensación da liberdade de vagar entre terriñas, fluindo polos territorios dos soños que nos han levar Máis Alá, no interior do pais por espazos portugálicos, polo centro xeográfico dunha Gallaecia amputada, coa memoria dunha Suevia anestesiada dos nosos recordos por grandes capitanes, individuos campeadores, imperios sempre asoleados e outros figurantes históricos dun escenario no que eramos simples espectadores… non eramos Nos.
En Mandín Francisco Peréz Diéguez, coñecido por Xico de Mandín, elabora este tinto coas castes bastardo, caiño e mencia de xeito muito natural, xa me entenden: intervención reducida ó indispensábel para que os bagos cheguen a unha garrafa en forma de viño despois dunha fermentación levada polos seus propios lévedos.
Para cheirar a froita vermella escondida entre os matos leñosos aromáticos da media montaña asolada, cos recordos das flores, agora secas, e o cheiro dun charuto. Ten ese gusto amábel de abrazo longo que nos devolve ó fogar, un gusto que moitos catadores cualificarían de imperfecto, eses mesmos que nos levan ó perfecto aburrimento estandarizado. Gusto amábel que se vai abrindo e se vai abrindo… para, na distancia, deixar unha sensación salina e golosa, coma os penedos graníticos que escalabamos de adolescentes no Xurés, e logo lanzarnos ás pozas limpiñas de Portela do Homem, onde curar feridas, limpar suores, calmar a sede, relaxar os músculos e soñar contigo, espida ó meu carón, para amarte mentres o sol se vai… e logo, cando levanto a vista despois de ti, mirar as estrelas onde me levaches…
2010