Alma e Pazo

Salnés… O Condado… Rías Baixas… Miño

Alma de Mar e Pazo Piñeiro compartindo anada (2010), contraetiqueta e esencia albariña elaborada de xeito semellante, pero cadanseu transmitindo a identidade do seu lugar.

Dun lado un viñedo de aire atlántico e cheiro de ría, con cepas de raizames que se achegan ós areais abaneados polo ritmo das mareas,

e do outro lado un viñedo de Pazo, estandarte señorial do pais, coa seriedade dunha estirpe que leva a identidade dunha terra, granito á beira do Miño, con clase, con aires amarelos de acacias e frutais, amarelos como a mel fresca, tapando todos eles o máis profundo do solo, que de momento espera para manifestarse con máis nitidez en calquera momento dos moitos anos que lle quedan por vivir. Ese é o Pazo Piñeiro, en Alxén (Salvaterra do Miño)

Alma de Mar é albariña de Castrelo (Cambados), o Salnés de abeiraría, viñedo adulto que acouga mareas e despide ó Umia entre praias, rochas e antigas telleiras, viño mariñeiro que bota as redes na ría máis rica do mundo.

Na beira do Mar de Alba o Alma de Mar achega o branco da froita, dunha flor que agora desperta con toda a súa intensidade e o branco das areas e o salino das rochas e… unha luz prateada de solpor sobre a ría, sobre o teu corpiño de pel branca e sabor salgado.

Asistimos, somos espectadores, bebemos, comprobamos aroma tras aroma, grolo a grolo, anada após anada ó retorno ás bisbarras de antano, á disgregación do que durante un tempo fora o deseño ilusorio dalgúns dunha d. o. uniformizadora con himno e bandeira única, pero sen alma de nos.

Os comentarios están pechados.