sen título, sen etiqueta

Recoñezo que os pequenos tesouros da miña adega non levan etiqueta, e o único problema que acho de tal feito é que as veces confúndome e teño que memorizar tipos de botellas e de rollas para distinguilos. Entre eles o impresionante viño que di ser tinto pero que semella un rosé e realmente ten un alma branqueciña do compañeiro Iago, do seu vello viñedo nas ladeiras norte de Entoma (O Barco de Valdeorras), de castes varias como o mouratón, a mencía, o palomino, o godello, o brancellao, o gran negro… ou o tinto do Ribeiro de Xan Centrón, a tinta femia que elabora Fernando en Cela, os de Donón, os de Alberto de Meder, o de Fernando en Chantada…

Hoxe, con este soporciño da media tarde dun agosto que volve a quentar para ledicia dos bagos, despois da sucesión de días neboentos pola costa oeste e doutros de choivas outonais por todo o pais, o solciño volve a picar suavemente acompañado do relaxante e agarimoso aire que deixaron estes días pasados, hoxe abrín unha desas garrafas e teño que dicir, tranquila e obxectivamente, que foron uns tragos inesquecíbeis, foi o impacto brutal do que sabe e ule auténtico, o que fica na memoria porque emociona. O mellor tintado que pasou pola miña gorxa este ano.

A descrición verbal das sensacións provocadas merecería un argumento guiado pola emoción dos sentidos, a evocación, os recordos… e a lírica. Isto faime recordar o tempo no que estaba proscrito, mal visto e peor cualificado, esta versión do viño, daba igual estar diante do coes ou dun Romanée-Conti, o correcto, o que debía ser era a oficialidade dos descritores e a ficha de cata encorsetada. Agora aqueles que defendían tal protocolo e se rían dos alcumados románticos son os mesmos que nos aburren con cursilerias varias e referencias continuas á emoción e a evocación.

Enlazo esta historia coa teima que teñen algúns de anatemizar todo aquilo que non leve contraetiqueta. Hai viños etiquetados e perfectamente rexistrados cos que non merecemos perder o tempo e os cuartos, e libertos hainos deses roupaxes polos que dariamos ó menos… la vita.

O único que pedimos é respecto polo consumidor.

As contraetiquetas non poden agochar procesos de elaboración pouco recomendábeis como vendimas deficientes, intervencionismo extremo na busca da maquillaxe, do adorno, de suplir as carencias ou de facer un deseño prefabricado ó gusto dun suposto consumidor modelo. A vida é curta de máis para estragala así.

As veces resulta ridículo ler determinadas etiquetas: desde a actual moda das “Lías”, un absurdo resaltar tal… cualidade?, como sería o de titular con expresións do tipo tanino, sen f.m.l., ou desfangado 24 h., densidade 1050, 14cº ou 6,5 gr de a.t.,

outra ridiculez é o de “barrica” ou o de carballo (roble alén do Manzanal) Que me queren dicir… que o viño pasou un tempiño por alí dentro e non por aceiro, cemento ou barro, pois alégrome, e que? que por iso custa 1 ou 5 € máis… pois xa mirarei se paga a pena.

Outras etiquetas chirrían co de selección, edición limitada, limousin, 2000 cepas, 1,5 kg…

Haberá outras zonas ou viños menos expresivos que necesiten todos eses adornos

A tinta femia de Cela que hoxe gocei apareceu como unha rapaza sen paraxe que vai polo campo, bordeado de silvas enchidas de froitiños no seu punto, entre as zarzas, co brío que lle fai saltar e correr, co suave da súa voz e do tacto da súa pel, co frescor da mocidade de vida desbordante. Aroma punzante do fino especiado aderezado de pimentón, do vibrante dos froitos entre as silvas, do agarimoso dunha macedonia de flores de todas as cores…. Tacto que saúda suave na entrada e deixa un frescor que a saliva activa e o espírito agradece.

Xurelos en escabeche como había moitísimo tempo que non tomaba e unha soberbia empanada de bacallau caeron rendidos ós seus encantos…

2 Responsessen título, sen etiqueta to “”

  1. pollito bien

    Hai unha chea de anos traballei numa cooperativa de Valdepeñas na que faciamos unha chea de botellas dun viño presentado nunha botella de litro que puña o de Edición Limitada, non era ningunha mentira. Lembrome que brincabamos dicindo que os tixoleiros alemáns deranlle o andamio de bronce.

  2. Antonio Portela

    Simplesmente hai que ser honestos e respectar ó consumidor, con ou sen etiqueta, viño de garaxe ou grande adega ou cooperativa. Onde hai máis limpeza ou onde se di o que de verdade se fai e como se intervén e de onde veñen os bagos causantes do viño???
    Eu non estou contra ninguén ate que me deixan de respectar.
    E teño uns sen etiquetar que…
    Ponme so Corullón, por exemplo, e merco con tranquilidade pero como me empeces a disfrazar con frasecitas e demais parafernalia de escaparate asegún vaia a moda pois… nom