Unha vendima máis?

Rematou a vendima do 2012. Desde fora, ese bulir de vendimadores entre parras, guindastres, ou subindo pendentes abancaladas, aparentemente, se miramos ou lemos as referencias das crónicas dos diferentes medios de comunicación, a impresión que levamos e simplemente a de xente que apañou acios das videiras e os depositou en caixas de distintos tamaños e formas para seren levados á adega onde agora mesmo estanse a transformar en viño, que dentro duns meses atoparemos na rua dispostos para o seu consumo.
Asi de simple puido ter sido na maioría das adegas “establecidas” durante as décadas pasadas, tempos de elaboracións uniformadas nunha parte importante das denominacións de orixe galegas, e doutras elaboracións sen pretensións de iren máis alá que elaborar viños máis ou menos bebibles.
Pero esta vendima do 2012 escondeu dinámicas das que a maioria da xente non é conscente, que incluso algúns supostos entendidos descoñecen. Son dinámicas que realmente arrancaron hai algunhas anadas pero que van in crescendo nun continum que xa non ten paraxe, evidentemente hai zonas nas que isto é máis intenso, Rías Baixas, por exemplo, experimentando un resurdir dos seús viños tintos e de métodos de elaboración tradicionais que volven e voltarán a ter o lugar que lles corresponde, e de seguir por cada unha das cinco denominacións de orixe e das tres indicacións de viños da terra poderiamos apreciar con maior ou menor claridade esta efervescencia.
Se pescudamos no interior, portas adentro, das adegas, atoparemos o instinto creativo duns e o uniformismo academicista dos que so crén na rixidez dos parámetros e o conservadurismo dos protocolos establecidos, dos que sair sería unha herexía. Grazas ós primeiros e aos que, desde a experiencia tanxibel destes, os siguen podemos dicir que nas rexións vitivinícolas galegas, da costa ás montañas, da beira do mar ás ribeiras dos mil ríos, vívese un momento vibrante, esplendoroso, emocionante. Os que amamos a viña e o viño, e as emocións que transmite, recordaremos dentro dalgunha década o privilexio de ter vivido unha época que proxectou aos viños galegos cara o Olimpo dos deuses da viti e do vini… onde Baco e Dionisios nos concederon a eternidade.

desde o bago miúdo

Os comentarios están pechados.