da Chaira do Ramiriño unha garnacha vella

A historia tintada de Valdeorras, entre O Bierzo e a Ribeira Sacra, entre a potencia dunha mencia máis vella e asolada en terreos xistosos e arxilosos e unha mencia máis fresca adaptada coma unha luva ás ladeiras xistosas do Sil, ás graníticas do Miño ou a altura luminosa do Bibei, transcurre entre o histórico albarello, desaparecido polo que xa coñecemos: pragas, crisis, emigración… pero antes desa amputación varietal o albarello daquela maioritario, ademais de resistir noutras zonas do pais, fora levado ó Douro primixenio para povoar os viñedos da nova arquitectura duriense, deseñada por canteiros e viticultores galegos do Sil e do Bibei, ainda que máis logo foi reemprazado polo sousón-sousao na busca de máis cor antes do estabelecemento case regulamentario do pentapartito de tintas (amarela, roriz e cao) e tourigas (nacional e francesa)

Cando foi introducida en Valdeorras a mencía competiu cos restos do albarello e cun clan hetereoxéneo de mouratóns, grans negros e outras. A garnacha tintureira, productiva e resistente, pola súa banda cumpría o seu papel secundario pouco glamouroso por unha orixe híbrida menos “noble”. Cos anos a mencía foi aumentando ate conquistar a maioria absoluta nas tintadas, pero a súa falta de convicción orixinou a busca de coalicións mellorantes, desde o obrigado tempranillo “nacional” pasando polas bests sellers internacionais ate rematar na, sen dúbida máis acaida, sousón. Entre estas tentativas colouse polo medio, vindo de atrás, a tintoreira ó través dos individuos das viñas máis vellas e mellor ubicadas, grazas á súa maduración máis axeitada.

Hai uns sete anos que descubríramos nunha botella sen etiquetar algo que había de crear tendencia, fora nun xantar que nos ofreceron os amigos de A Coroa na súa adega á Asociación Galega de Sumilleres. Era dun depósito de 2.000 l.que gardaban coma unha xoia para consumo propio. Daquela a ninguén se lle ocurriría embotellar unha garnacha tintoreira en solitario, sola ante o perigo, ante os prexuizos que había contra esta variedade. Pero o tempo e o sentido común poñen a todos no seu sitio e, coma no Alentejo onde o alicante bouschet, que ven sendo a mesma caste, vindo de alén do Tejo e de alén do Portugal chegou a converterse en imprescindíbel nos mellores coupaxes dos viños máis reputados de por alí, a garnacha tintoreira de Valdeorras foi demostrando unha personalidade con carácter de seu, diferenciada da maioritaria mencía, aportando sensacións e atributos que aquela non daba. Na actualidade se non me fallan as contas son cinco os tintureiros garnachos que se poden atopar no mercado, e non nas adegas para consumo de seu.

A garnacha vella da Chaira do Ramiriño da anada do 2009 que elabora a adega Sampayolo en Petín é unha garnacha de sensacións menos densas e potentes que ás outras catro, con froita menos madura e algo máis de frescor na boca. Achega ó nariz aromas de froita vermella e ameixa negra, algo coma o regaliz entre torrados suaves e recordos da pel do coiro e do betún. Zapatería vella, cun colgante de pedra vermella no pescozo, entre pedras de afiar. Deixa un paso de tacto pulido, saboroso, con sensación de frescor antes do final amargoso.

desde o caderno irmán bago miúdo

Os comentarios están pechados.