Memoria de Ventura Castes Nobres

Adega da Pinguela despois dun dos viños de mencia de Valdeorras máis agradaveis de beber, limpo e frutal, un brancellao elegante e, coa cara máis potente da adega, unha tintoreira garnacha denominada Memoria de Ventura, buscando todos eles máis cadencia e menos pegada, ou iso me parece a min, elabora este Castes nobres desde a anada do 2011, supoño que con vocación de continuidade.

Naquela entrada engadía: “Este tridente de castes (mencía, garnacha t. e brancellao) tende a repetirse monovarietelmente en varias adegas, o tempo traerá ademais o sousón e o caiño”  pero… matinado na combinación de variedades deste Castes Nobres, hoxe penso nese futuro dun vermello plurivarietal, como foi no pasado máis lonxano e como é na maioria dos grandes viños do mundo, e tendo en conta o que nos ofrecen en Valdeorras en solitario as distintas castes…”nobres”, esta mestura de brancellao, mencía e sousón, e nese orden que ven reflexando a súa antiguedade na zona, ben podería ser o casamento que orixinará no futuro os viños máis complexos e lonxevos deste territorio.

Descoñezo as características do viñedo da Adega da Pinguela (O Carballal, Petín) nin como foi a elaboración deste viño, pero o que mostra o Castes Nobres agora é un proxecto que necesita tempo para artellar o que seguramente será un gran viño e quen sabe se o comezo dunha longa estirpe.

Mineral e monte aromático do occidente atlántico, non mediterránico, herbas aromáticas das que destaca, agora, o mentolado, froita agachada baixo este aire balsámico multiplicado pola pedra e o monte. Na boca a rugosidade do sousón, que pide espera, vai envolta no agarimo dun brancellao elegante sobre a delgadez dunha mencia fresca. Ten a garra que no futuro sera seda…

Os comentarios están pechados.