San Fiz. Pero Bernal

Hai terriñas excelsas, deseñadas pola natureza para dar orixe a viños que transcendan, que nos ensinen algo máis, ou nos trasladen máis alá, e que leven polo mundo adiante a esencia da paisaxe das mil terras de Galiza.

No seo das indicacións regulamentarias que temos na actualidade (cinco denominacións e tres viños da terra) e dentro das diferentes subzonas, vales, ribeiras ou parroquias que estas posúen, existen terriñas que pertencen ó liñaxe dos grandes terroirs do mundo. Moitos deles agochados durante decenios baixo viños mediocres que pregan por un vigneron que destape e libere a esencia da terra, dos cepaxes e do seu climat nunha botella e dela ás nosas copas.

Para descubrir moitos destes territorios, nun labor como a dos arqueólogos que len entre castros e demais achados a milenaria historia de nos, acudimos nalgúns casos ás sempre certeiras palabras dos nosos devanceiros baseadas nas súas experiencias amantes e devotas do país. Falando de viños don Álvaro Cunqueiro axúdanos a descubrir e no seu caso confirmar por medio da súa lupa grandes terriñas do viño. Hoxe San Fiz:

Miño abaixo, está o país de Chantada, cos ribeiros miñotos de Asma e de San Fiz, coas viñas de Belesar: aquí melloran os viños, máis os tintos que os brancos, e hai cepas de caíño – de caliginus, é dicir, escuro, fusco-, e de mencía, a boa leonesa. Para min, os mellores son os tintos de San Fiz, que as monxas de Chouzao mandaban ás súas irmás de San Paio de Antealtares, en Compostela. Son moi serios estes viños chantadinos, cun corpo levián e suave, e aínda que tintos pódense beber frescos, co frescor das adegas da ribeira dereita do Miño en Belesar. Eu recordarei sempre dun día que fun acolá, e estaba enchendo o embalse de Belesar, e xa cubriran as augas a vella ponte, que parece que foi romana e logo refeita nos días medievais, e da tona das augas aínda xurdían as ponlas duns pexegueiros, floridas en roxo, que era comezos de maio, e eu bebía do viño da adega, sentado á porta desta, e parecíame melancólico, pero a tristeira era miña, de ver tanta terra e aquelas flores roxiñas afogar nas augas escuras da presa…”

Nos tempos que andamos, algúns levamos as alforxas valeiras máis o espírito enchido, e sobre todo nos tempos cara onde nos diriximos: tempos onde se definan con plenitude os vales e as ribeiras sacras, vales e ribeiras de ríos diferentes que atravesando estes espazos sacros os moldean, con solos distintos acollendo as súas raizames, de variadas orientacións para mirar o sole cos aires que lles achega o atlántico sinalando temperaturas e choivas diversas, nese tempo sentiremos algo parecido ó que enchía a cunca do Cunqueiro, daquela a expresión da Ribeira Sacra de Chantada terá unha identidade que agora xa vamos intuíndo en moitos dos seus viños. Unha demostración deso foi a Feira do Viño de Chantada deste ano, á que non puiden asistir, pero que as crónicas refiren de grandes promesas vínicas.

Pero Bernal 2010. Mencía. Adegas Amedo. San Fiz (Chantada). D.O. Ribeira Sacra

Conxuga moras e vermellos froitos coas herbas aromáticas balsámicas e pequenas flores silvestres no ambiente do campo a media mañá. Entra pola boca coa sensación suave da froita madura na entrada, que cedo é frescor polo seu paso acompañado dunha tanicidade rugosa e a unha agradecida acidez.

colaboración para BenBo

Os comentarios están pechados.