Identidade.En BenBo

Acaba de sair en papel, na web levan xa un tempo, o primeiro número da revista atlántica de gastronomía BenBo, interesantísimo e sobre todo necesario proxecto dirixido por Miguel Vila Colineta. Teño o privilexio de poder colaborar con eles, e a primeira tanda será unha revisitación, e no seu caso actualización, dalgunhas entradas deste caderno da esencia dos bagos.

Esta foi a segunda colaboura na páxina web de BenBo revisitando un post de febreiro do 2008, mimá!!! vai para cinco anos, titulado Identidade. Esta identidade da que escribía ten algo que ver co parámetro denominado “Tipicidade” que desde hai tempo está presente na maioría das fichas de cata e na totalidade dos paneis de cata dos distintos consellos reguladores, e veño de escoitar na radio que tamén na “Guía de Vinos y destilados de Galicia” que ven de ser publicada. Dicía que ten que ver pero desde unha perspectiva non estancada nun presente que todavía non reflicte a auténtica esencia dos territorios, nin as potencialidades de chegar máis alá que teñen, que seica serán a tipicidade do futuro ó que imos chegar. Para min a tipicidade é un continuum  ir na busca da autenticidade, da esencia dun territorio, non é un dogma, nos paises de tradición vitivinícola desaparecida nas estelas da imaxinación e dos nosos antergos, como é Galicia, non é unha refencia estable, é máis ben unha pescuda na personalidade das terriñas e das súas castes. Todos coñecemos multitude de casos de viños descalificados por paneis de cata entrenados na busca de defectos e supostas tipicidades que so existen nas súas ortodoxias, e sempre os máis castigados son os viños máis avanzados, que no noso caso son aqueles que máis se acercan á tradición, aos viños de antano, aos que deberían ser por definición o modelo da tipicidade, se esta existira, ou viños que dentro das potencialidades das varias personalidades dos nosos territorios, exploran todas as súas posibeis expresións.

Esta foi a colaboración:

As pegadas da terra e do home que a traballa foron, e aínda o son, facilmente enlousadas polo cemento das elaboracións ultraintervencionistas e voluminosas, do viñedo extensivo de concentracións forzadas e parámetros produtivistas co obxectivo de cubrir unha demanda xerada artificialmente, na que o marketing foi o que fixo de locomotora dun tren virtual que se ia improvisando en marcha.

Na actualidade o consumo de viño, axudado no seu descenso vertical por modas pasaxeiras, que so serven para encher o bandullo dalgúns e o escenario de parafernalias valeiras para espectadores amantes dos fogos de artificio, a demanda do consumo xa non é desculpa para encher os andeis de viños en serie, sen identidade. Mais ben haberá que ganar de novo os escaparates, as portadas, as copas, os bares, as tabernas, os pubs, de noite, de día, sos ou en compañía… con copas de viños que nos animen a beber polo seu discurso próximo porque sexa traducible en recordos, para estimular o espírito e, no seu caso, emocionarnos e darnos pracer.

Daquela cando atopabamos un viño con esencia, sensacións que, de súpeto, adurmiñados os nosos sentidos tras milleiros de grolos anodinos e clónicos, facíanos revivir recordos gardados na memoria ademais de provocar que un riso de satisfacción e de plenitude se nos plantara na cara, pero, ó mesmo tempo que nos ilumina esa luz escondida pola sucesión de viños estandarizados, non podemos evitar o pensamento de ter perdido enerxías, tempo, investimentos ….

O único camiño que no mundo do viño non ten data de caducidade é o da autenticidade, é dicir o da fidelidade á vocación dunha terriña, das súas castes, do seu clima e da experiencia, no noso caso a miúdo contaminada, de xeracións de viticultores.

Identidade que significa o reflexo da orixe, da pegada da terra, do seu espazo xeográfico (solos, vales, pendentes, formacións naturais, cercanía ao mar, a un río…) da tradición revisitada con fundamentos e respecto, e tamén da personalidade que lle imprime un facedor cando, ademais de respectar ás características particulares desa anada concreta e as mellores potencialidades das súas variedades, lle aporta pinceladas da súa personalidade, froito da súa experiencia, da inspiración ou do simple deixar facer á natureza.

Pódese trocar o que a natureza ten definido nun territorio e que se reflicte en todos os ámbitos da súa existencia, sen que con elo se transforme a esencia mesma do produto, cando o mesmo subconsciente da xente garda gravado a herdanza dos sabores de antano, todas as experiencias de xeracións trazadas no respecto e na lectura da súa terra?.

O minifundismo ten sido considerado na historia contemporánea como unha penalidade que Galiza soporta. Certo ou non o camiño debería ter sido o aproveitamento e explotación do que potencialmente ten de positivo, sobre todo neste mundo vitivinícola con situacións xeoestructurais parecidas caracterizadas pola diferenciación de terroirs e a busca da excelencia.

Este espazo vitivinícola, de mil microclimas, de pegada atlántica, coa súa frescura, que non significa acidez, no minifundismo entendido como microespazos ou microuniversos no sentido das grandes catedrais vitivinícolas do mundo cos seus crus e climats, pero para chegar a algo parecido ao que eses pedazos de chan representan, aínda fica a delimitación e clasificación das vilas, lugares e paraxes.

Os comentarios están pechados.