Traste

Traste ou falcatruada ou trasnada, vaia neste caso unha travesura de José Luis Aristegui. O de Traste ven neste viño da súa procedencia: Trasteleiras. Faláranme de José Luis Arístegui os amigos de Alan de Val e os da Asociación Galega de Viticultura, pero non foi ate agosto no salón de viños Auria Vinum que o coñecín en persoa e provei os seus viños. De vellas viñas situadas en A Rua de Valdeorras elabora un godello, unha mencía e este Traste con garnacha tintureira (80%) e mencía no resto. Primeira anada para todos eles e marcando xa de saida un estilo propio en todos os sentidos, desde a súa imaxe ate a personalidade do seu facedor. Como todo é recente de máis haberá tempo para falar sobre a historia que se move detrás dos seus viños. Trastada ou falcatruada no meu caso é comezar falando do viño que máis pide espera e calma para o seu trago.

A froita madura, destaca a ameixa, no momento xusto, cando explota en aromas e o seu gusto é máis saboroso, as herbas aromáticas, balsámicas e medicinais, un fondo torrado baixo os vapores dun café cremoso e do chocolate negro, hai un aire perdido que asoma polo medio cos recordos do lar, e con tempo libera unha flor azulada.

Hai un mundo de aromas que a paciencia extenderá todavia máis.

Deixa un agarre que prega por tempo para despegarse e fundirse coa parte máis fresca e balsámica do seu paso, para ser denso agarimo que fique despois da aperta. Leva un corpo ben dotado, erizado, aínda despeinado, coma un cabalo do pais antes da súa rapa, agarrase á lingua, as encías, o padal… fica… e non marcha… da calor ó espirito. Todo isto o proxecta na distancia, no tempo, na estirpe dos viños que han ficar na memoria.

Os comentarios están pechados.