Cruceiro

Ven de viñas espalladas por esa ribeira norte do Sil que é coñecida desde hai tempo por Amandi, elaborado en Vilachá da parroquia de Doade no concello de Sober por Ramón Marcos Fernandez, como consta na etiqueta, onde tamén menciona a variedade Mencía e sinala a cifra de 13´5 como o % do volume en alcohol.

No primeiro contacto, unha vez verquido na copa, desde esa cor, con eses aromas e ese primeiro paso de boca… as sensacións, como non temos referencias antigas no pais, lévanos, desde as vellas ondulacións do occidente atlántico e deixando atrás o mesetario, pasando sobre os picos de Belagua e as ladeiras de Iparralde e despois do Midi, paraíso rural de la France, ate as suaves pendentes que miran ó mencer das cotes monásticas da Bourgogne.

No segundo acercamento aparece coma un rapaz comendo a borbotóns fresas e frambuesas, embadurnado, coa boca avermellada. No terceiro o rapaz descansa a cariña nunha almofada fresca. No seguinte trae caramelos envoltos nun fil vermello, un campanario encalado coroado cunha cruz de madeira e, máis adiante, roupa ó clareo. Tamén se bebe así de limpo, vermello e suave.

2011 con croques

Nestas alturas levamos xa uns cantos grolos de “mencía”, esa palabra todavía comercialmente máxica, aínda que varios deles, non sei cantos, vaian enchidos nalgunha proporción co aporte desas castes menos glamourosas que con mellor ou pior sorte, máis ou menos achantadas, coidadas por viticultores que as poñen en valor e outros que as esconden ou simplemente as aturan, vexetan polas ribeiras dos ríos sacros. Cada unha destas ribeiras vai ó seu xeito, con dinámicas propias, con ritmos autónomos, vivindo momentos diferentes, e iso faino todo todavía máis interesante, pero hai un territorio dunha das ribeiras dun dos ríos co que temos un chisco máis de experiencia, porque durante o ano foron sucedéndose unhas cantas botellas máis que dos outros. A impresión, en Amandi, reafirmada polos díxitos das etiquetas, é de sensacións máis maduras e redondas que outras anadas.

En moitas das súas adegas, por suposto non en todas porque coñecemos e sabemos a vocación das que se moven con maestría no fio das maduracións, funciona coma un síntoma que non erra no diagnóstico que anuncia: fluctuando entre os 12-12´5 das anadas máis frescas que resaltan finura a flor de pel, con estilizados e vibrantes aromas primarios, e as anadas máis cálidas que disparan o % cara ó 13´5 – 14, transformando aqueles viños que gardabamos na memoria con emoción e un sorriso nos beizos en caricaturas distorsionadas polo calor, de trazos planos e redondeados, que non estimulan nen animan ó seu trago.

Os comentarios están pechados.