Lonxevidade / IV Cata das Añadas Rías Baixas

Continuo revisando entradas do viticólogo para BenBo, no seu tempo podían semellar  ensoñacións pero…, nesta ocasión, e antes da crónica do que me pareceu a IV Cata das Anadas de Rías Baixas, a lonxevidade.

A enorme riqueza varietal e a variedade de solos e microclimas conxugados coas diferentes técnicas enolóxicas orixina as múltiples posibilidades que se dispoñen para elaborar un viño.

Na enotecnia xunto ás continuas innovacións que se van aplicando, ás veces de xeito indiscriminado, tamén se recuperan sistemas de elaboración tradicionais perfeccionados.

En canto a materia prima, as variedades de vitis vinifera diferéncianse polas súas características que definen as potencialidades de cadansúa delas para seren elaboradas; así clasifícanse entre outras cualidades pola carga aromática e tamén se poden distinguir variedades con vocación de durar no tempo, adquirindo co envellecemento outros matices, gañando complexidade e profundidade.

Do albariño é coñecida entre outras a primeira cualidade, mais sobre a súa lonxevidade pesaban moitas dúbidas, sobre todo para os consumidores finais do viño nos que funciona/funcionaba  a regra do “albariño do ano”.  Ano apos ano este prexuízo, asentado durante os derradeiros decenios, vai perdendo fieis  gañando adeptos pola contra a confianza na guarda do viño branco destas terriñas, sen importar que a etiqueta refira unha anada pasada un, dous, tres anos ou… Unha vez que se asente está crenza verdadeira pasaremos a outra na que seguramente os viños mellor valorados serán aqueles máis lonxevos de anadas excepcionais…

Vamos dando tombos, estivemos a piques de mandar ás coleccións ampelográficas numerosas variedades autóctonas, algunhas delas cun presente puxante coma o godello pero que chegara a ficar reducida a unhas poucas hectáreas, pasando logo pola teima das variedades mellorantes, no noso caso reducida, a Deus grazas, ós tintos. O tombo que nos ocupaba estes anos pasados era o da “crianza” do albariño, tempos e anadas investidas en pasar pola madeira a unha variedade de elevadísimo potencial aromático e acusada personalidade, que na grande maioría das ocasións ficaba reducida, ou máis sutilmente non deixaba outro recordo que os da madeira, cando non o do simple taboleiro golpeando as papilas e a pituitaria, e a do seu prezo a conciencia.

Pero avanzamos e a esencia das cousas e o sentido común remata por aflorar, os charlatáns fican mudos e os que non teñen argumentos… pois imitan, como en todos os sectores da vida. Agora estamos en condicións de afirmar que todo é posible con esta caste, entre outras, coma a dozura ou as burbullas, e con máis argumentos aínda as crianzas axeitadas: por tamaños, usos e procedencias das madeiras empregadas. Aínda que siga habendo prescriptores, sobre todo non galegos, que defendan a idea da incompatibilidade do  albariño coa madeira; normal, foron demasiadas anadas educados noutros conceptos desta variedade,  nembargantes de cando en vez sorpréndennos viños desas anadas, que sen ser elaborados con vocación de duración no tempo, móstrannos o seu potencial de envellecemento, a súa face lonxeva.

Así a todo os que sempre rexeitaron o contacto do albariño coa madeira teñen optado desde hai tempo pola crianza sobre lías, sobre todo en depósitos de aceiro, as veces con procesos demasiado extractivos ou “liosos” que aburren ate o apuntador por uniformizar en aromas e paso de boca e ocultar o carácter máis primario e a orixe de moitos deles, pero nos que afinan con este tipo de elaboración os resultados son de gran interese para a lonxevidade e as cualidades dos viños:  viños vellos que non teñen contacto coa madeira buscando o potencial de envellecemento que posúe o albariño e que foxen do consumo inmediato do ano.

No caso dos adeptos ao paso por madeira os experimentos teñen pasado polo tamaño dos recipientes, de menor a maior capacidade, polo número de usos dos mesmos, de novos a ter máis dun uso, polo momento do paso pola madeira: na fermentación, na fermentación maloláctica, nas dúas, nas anteriores fases máis na crianza, na crianza só, etc. Os resultados son viños con máis integración viño – madeira, con esta xa nun segundo plano, e unha evolución que disfrutaremos co tempo.

IV Cata das Anadas Rías Baixas

Nas zonas vitivinícolas onde aínda estamos albiscando as nosas potencialidades, onde  anada apos anada imos descubrindo novos retos e unhas metas máis elevadas, son fundamentais, para iren cara á máxima expresión do que somos e do que podemos chegar a representar no universo do viño, actos como a Cata das Anadas. Unha cata para presentar e ir asentando no mundo viño, e así chegar ó imaxinario do consumidor final, ás verdadeiras facianas, e non a dos prexuízos, dos viños das Rías Baixas.

As grandes catedrais do viño xa teñen percorrido este camiño hai séculos grazas á transmisión xeneracional , e ó labor monástico, marcando un guieiro que os sucesivos relevos de labradores de viñas souberon aproveitar.

Galicia, e sobre todo a denominación de orixe Rías Baixas, ten un potencial agochado, nunca posto no seu auténtico valor, potencial sepultado pola falta de autoestima e o descoñecemento do propio, buscando noutras entidades culturais ou vitícolas as súas referencias.

Estamos inseridos nun proceso emocionante, vivimos momentos de traballo, de construción do que seremos, de asentamento dos piares sobre os que descansará o futuro máis esplendoroso dos viños das Rías Baixas e de toda Galicia.

A Cata das Anadas fai visible, visualiza, centra o obxectivo e fai que os focos alumeen nun dos factores que porán ós viños brancos das Rías Baixas ó mesmo nivel dos grandes brancos do mundo: a súa lonxevidade.

Este obxectivo require viticultores, elaboradores e organismos á altura de tal propósito. Non valen elaboracións mediocres ou destinadas a cubrir o expediente, é necesario aplicar as suficientes doses de ambición que nos vaian trasladando máis alá.

Nesta IV Cata das Anadas comprobamos o que xa sabemos: que o terroir da Rías Baixas, orixinado pola conxunción de castes adaptadas ós seu microclimas e ós seus solos, e quen de dármonos viños que co tempo alcanzan niveis de complexidade e elegancia que os han de levar ó Olimpo dos viños. So faltaba o último factor da ecuación dun terroir: o home que o interpreta.

Asimesmo tamén temos comprobado nesta edición da Cata das Anadas que hai viticultores e elaboradores que necesitan uns grados máis de ambición…  senón han ficar rezagados ou descolgados nesta viaxe que xa non ten volta atrás.

2 ResponsesLonxevidade / IV Cata das Añadas Rías Baixas to “”

  1. Esas fotos…, noto algo familiar. ¿Poden ter algo que ver cunha tal Sra. Lola?

    Aperta!

  2. Coa Sra. Lola… e coa esencia do tempo dunha caste nunha terra…

    Aperta forte