polos viños do solpor

Cara ó solpor existe unha viticultura apegada á terriña, de esqueleto granítico e veas regadas desde o Miño ata o Ulla por mil regatos que rematan o seu camiño entre viñas para seren, co Atlántico, rías.

Desde a parte costeira ata os vales que descenden polo curso dos ríos atlánticos como o Ulla, o Miño, o Miñor, o Tea, o Umia ou o Verdugo, estas zonas foron conformando a oficialidade da D. O. Rías Baixas.

Pero tamén existen outros espazos máis de ría, máis baixos e moito máis atlánticos que a maioría dos territorios que forman parte desa denominación de orixe.

Cara ó Atlántico, co cabelo peiteado por unha brisa mariña de profundidade oceánica, cos pés abaneados polas mareas, mollados sobre cunchas… existe unha península entre rías cunha proa que enfila o horizonte do solpor coroada por un Facho, que é monte, de pegada telúrica.

O Morrazo constitúe un espazo vitícola inserido no medio da xeografía oficial da D. O. Rías Baixas, e faino ademais cunha riqueza sen igual nas outras subzonas desta denominación, cunha diversidade que poucas bisbarras ou comunas vitivinícolas posúen.

A cara norteña do Morrazo, bañada polas mareas atlánticas da ría de Pontevedra, acouga os viños das parroquias de Bueu, auténticos “Vins de Vila”, nomeadamente o val encovado que forma Cela coa presenza pontifical, esmagadora e feliz para pracer de nos da Tinta Femia (o caíño da terra que no Ribeiro Sebio e Bernardo coidan con devoción en Camporredondo e noutras viñiñas de por alí, ou a Zamarrica que Mateo puxo en escena  e os funcionarios minusvaloraron sempre, incomprendido para os talibáns dos IPTes) (IPT= Índice de Polifenoles Totais)

O Morrazo non é un territorio homoxéneo, residen no seu seo microespazos dunha riqueza e identidade definida, inimitábel, cunha autenticidade apabullante, como as terriñas dos tintos definidos e estilizados, frescos, atlánticos de pura cepa: son os tintos de Cela e doutras parroquias de Bueu, onde a Tinta Femia, cachorro ou batorro, da estirpe do caíño redondo, é o sinal de identidade, o estandarte dos seus viños.

Nesta mesma banda da península do Morrazo pero extremándose por fóra da Ría de Pontevedra está a Ría de Aldán, entre a illa de Ons e as Cíes, coma queréndose achegar a elas dun pequeno chimpo. Nesta pequena ría compartida por Bueu e Cangas moran preciosas viñiñas, unhas legado tradicional da cultura da vitis nas bisbarras atlánticas outras xa conducidas coa arquitectura moderna da viticultura: entre Vilaboa, Pintens e O Igrexario (parroquia do Hío) e Bon (parroquia do Beluso)

Pintens

A babor da península e co sur sempre á vista, xa asentados na Ría de Vigo e coa proa do Morrazo á súa costa repousa un viñedo que me namorou, si… só penso nel, e cando desde a Costa da Vela, nos lombos do Monte do Facho dos nosos antergos, miro o solpor caer amodiño entre as Illas Cíes… so podo matinar no viño que alí nacerá.

Desde os areais desta punta onde dominan as castes brancas coma o espadeiro branco (loureiro) e o albariño, acompañados da treixadura e do albariño portugués (torrontés) vamos pasando polo viñedo fragmentado que salpica todas as parroquias de Cangas e Moaña.

O Morrazo ten o seu entorno relaxado en Vilaboa, onde as viñas dormen na plácida adoración da ensinada de San Simón que coma unha lagoa pecha polo fondo a Ría de Vigo, o que mira ao mencer. Alí repousa o viñedo máis extenso, xunto co de Marín, desta península.

Entre os híbridos, aínda moi estendidos, e as castes autóctonas pululan variedades locais de nomes agarimosos: cachiño, néboa, ratiño, santiaguiño…

En todos estes microespazos peninsulares a parra baixiña, asentada sobre piares de granito e antes aínda por estacas de carballo, castiñeiro ou salgueiro, e conducida entre canas, vai deixando paso á moderna conducción de formigón e cables de aceiro, de xeometría matemática, coma garras rectilíneas na paisaxe, co ancho e altura facilitadores do labor e din que de algo máis.

O Morrazo é terra de furanchos e furancheiros, lugares sinalados por un ramo de loureiro pendurado onde é permitida a venda de viño despois de que este se teña vendido nas zonas “oficiais”, una singular tradición viñateira que ven do século XVI.

“Entre os séculos trece e dezaseis o viño vendíase tan ben coma o máis afamado de Ribadavia, mentres o litro deste estaba a 5 cuartos o do país estaba a 4. Antigamente estaban regulados polos concellos ou xurisdición a arrendo e impostos especiais. En cada Bairro podía haber dous ou tres. Os furanchos foron emerxendo dunha vella tradición, de feito hai constancia na Ría de Vigo dunhas Ordenanzas Municipais do 1605 das Vilas de Redondela e Vilavella sobre a exclusividade de venda de viño local durante 3 meses. A palabra furancho ven de abrir o “furo ancho” do pipo de viño e así colocar a billa para servilo na xerra ou na cunca. Nos anos 70 os furanchos proliferaban por toda a bisbarra e moitas veces acababan o viño en poucas semanas, entón tiñan que pechar ata o ano seguinte”. (fonte: Asociación Galega de Viticultura)

Don Alvaro Cunqueiro citaos desta maneira: “Punto y aparte para la península del Morrazo, no porque allí bebamos vinos ilustres, sino porque allí mano a mano con Maumau, con Agustín Cela, co tío Juanito, con José Castroviejo, con Juan Santos Ríos Vino de temperán, que da fuerza viril; blanco del tío Juanito, alegre y largo, vinos del Casal de Acuña, que corrían tras lo ancho, vinos taberneros…”

No Morrazo hai un paraíso de finas areas brancas en praias asoladas, luminosas postas de sol entre illas cercanas co horizonte de noso a marcar a travesía. Neste borde vibrante e pracenteiro da Galiza aprendemos a soñar e acumulamos a enerxía necesaria para ir Máis Alá… sempre.

A tinta femia será un dos seus brebaxes que nos inspire cando os medradores e os mediocres retrasen o avance de Nos.

Traslada a súa figura con brío pola boca, limpa, nada enturba nin contamina a súa esencia, nada a distraer o paso do seu grácil corpiño… coma un manancial do Morrazo que fresquiño, vibrante e acelerado baixa ata a ría.

Leva un aire de antano, de xogos lixeiros na eira, entre frutiños silvestres que morden na boca e herbas para chupar con sabores cítricos.

Nesta península entre rías a vitivinicultura esta orfa, sen amparo regulamentario protector e difusor de ningún tipo.

Pola súa banda a denominación de orixe Rías Baixas abrangue cinco subzonas, onde tres delas son ribeiras de ríos: a do Ulla e as do Miño ó seu paso por O Rosal e por O Condado e só unha subzona está na beira dunha ría, pero so nunha das súas bandas, a outra é O Barbanza, con indicación de Viño da Terra de seu.

Resulta evidente que por xeografía, viticultura e tradición O Morrazo vitivinícola é Rías Baixas. De feito era una das comarcas vitícolas, denominada como “Fondo da Ría de Vigo e Morrazo”, referidas nunha Orden publicada no B.O.E. en 1979 que foi dando orixe co tempo ás diferentes denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas de viños da terra (daquela so existían O Ribeiro e Valdeorras). Todas esas comarcas que aparecían nesa orde: O Salnés, Baixo Miño, Condado do Tea, Verín, Bolo, Celanova, Ribeira do Sil, Val do Mino, Quiroga, Chantada, foron atopando dun xeito ou outro o seu amparo agás o Morrazo e seu arredores.

Por todo isto súmome desde eiquí o labor da Asociación Galega de Viticultura que xunto ás asociacións vitícolas da zona están á procura dun artellamento regulamentar para esta bisbarra.

7 Responsespolos viños do solpor to “”

  1. Antonio, casi me fas chorar!! Temos que quedar canto antes para ir percorrer Cela en busca de viñas pra facer un bo tinta femia!
    Unha a perta

  2. Cando queiras, a min tamén xa me está tardando ese momento

    Apertas

  3. Pois oxalá nunca o Morrazo sexa parte das actuais Rías baixas vitivinicolas, por unha parte iso darialle un pulo o cultivo, mas faría que todas esas uvas de nomes agarimosos e ese microcosmos de viños singulares que falas irían embora, a favor dunha homoxenización de albariños, os mais deles seguro que aburridos. Saúdos mesetarios

  4. Esa perspectiva mesetaria eche ben atinada carallo… ainda que os da república independente do Morrazo non o han consentir, pero como caian os técnicos de turno… non hai bravura… ou identidade que ature.
    Saúdos

  5. Ola Antonio, quero deixarte un comentario porque dende logo aprendo moitísimo contigo e namórasme só con lerte en galego.

    Abofé que non hai nada máis fermoso que facer viños con castas que se están perdendo, dálle sentido ó traballo ó que nos adicamos.

    Un saúdo dunha galega nas Alemañas…

  6. buff… se aprendes e namoras…

    pasate pola Emoción dos Viños o 15 de xuño no Claustro da Catedral de Tui e bebemos

    Un saúdo

  7. Éche o que hai 😉

    Graciñas pola invitación, xa me gustaría asistir pero estou traballando en Alemaña e ata a terceira seman de agosto non teño vacacións. Se por esas datas hai algún “evento vitienolóxico” (que de seguro que si) bebemos un par de viños xuntos.

    Saúdiños