Bagos da Finca Valiñas… polo Mar de Frades

Os bagos sans e no punto de maduración axeitado transmiten por si mesmos, son quen, sen engadidos externos, de amosar a súa identidade. Levan coma nun relicario as esencias de seu e as peculiaridades do contorno no que vexetan, enraizan, maduran e conviven. Podemos respetar esa expresión primaria, preservar a pintura da paisaxe que levan gravada, ou se cadra ila ocultando con capas que a disimulen ou introduzan novas pinceladas ó cadro, pudendo incluso chegar a tapar por completo esa identidade traballada polos bagos durante un ciclo completo da súa vida e durante todos os anos que as súas raizames levan inseridas nese chan peculiar.
Hai territorios que levan gravado os seus sinais de identidade en toda a vida do contorno, espazos xeográficos que trasladan a súa personalidade en calquer manifestación que naza do seu territorio. Nas rías baixas: a súa brisa oceánica, os brancos e suaves areais e as ladeiras graníticas que caen cara ás súas beiras desde agarimosos outeiros.

Hai prexuizos que se despertan, somos débiles e o suficientemente ignorantes para que aínda estén aletargados nun recuncho da nosa imperfección, esperando ós sinais que os poñan a funcionar, as veces sen ser conscientes da súa influencia sobre os comentarios que facemos. Sinais como algúns dos que leva esta garrafa do Finca Valiñas de Mar de Frades: adega galega pertencente a un grande grupo rioxano, aspectos comerciais evidentes, anadas nas que a pegada da madeira estaba a flor de pel….
Pero antes de ter en conta todo o anterior tomeime uns cantos copos dun Finca Valiñas da anada do 2010, gardado desde o túnel do viño que organizamos en Cambados paralelamente á Festa do Albariño.

Disfrutei dabondo, ate o placer, e máis logo no recordo… Si, porque entre as pequenas insinuacións, que as hai, das notas amadeiradas ou liosas que acostuman a desentoar na altura musical á que pode chegar a albariña, destaca o seu carácter varietal, de bagos excelsos, o do frutal, branco e amarelo, o das herbas máis aromáticas nun campo de flores brancas, o talco… Acompañando este carácter varietal van os pasos que fan do camiño á emoción máis doado: son os rastos do salitre na pel, as algas frescas nun areal, un aire mariño na cara…

Denso, con tacto graso e fino amargor final, polo medio unha acidez equilibrada.

Chuzame! A Facebook A Twitter

One ResponseBagos da Finca Valiñas… polo Mar de Frades to “”

  1. xose ramos Says:

    Moitas gracias pola recomendación, porque coma ti mesmo dis, este viño, pola bodega que o presenta, faría que un tivese certos prexucios. De feito eu non me plantexaría en mercalo, e máis ainda cando a etiqueta é tan parecida o outro da súa gama.

    Non sei se será un viño fácil de localizar, pero entroume curiosidade e de topalo por ahí, case que me atrevería a arriscarme a traelo de volta para casa.

Deixa unha resposta