Beban máis viño!!

A vocación vitivinícola galega é a do viño de calidade. A historia do viño neste país, descoñecida para a maioría, situaba ó viño de Ribadavia coma o máis reputado, e caro, de toda Europa, era un auténtico signo de poder e de riqueza, o que convertía a Galicia nunha potencia económica. Isto era tan evidente, a súa calidade e a riqueza que proporcionaba, que o concello de Ribadavia vírase na obriga de elaborar o Foro de Ribadavia en 1579, unha especie de código regulador que ven sendo o antecedente máis antigo das actuais denominacións de orixe, para evitar prácticas que reduciran a súa calidade e preservar desta maneira a súa identidade fronte ós imitadores. Daquela so no Ribeiro había máis de vinte e cinco adegas, poucos séculos máis adiante xa estariamos falando de noventa, e de cento cinco lagares, ademais en Gomariz conservase unha adega de hai novecentos anos, seguramente a máis antiga da península. Pero estas non son as únicas referencias, os recentes achados cunha exposición itinerante argallada por Luis Paadín, de lagares rupestres estendidos por todo o país falan dunha vinicultura ancestral.

Outras denominacións máis afamadas e representantes no imaxinario do consumidor dos parámetros de “buenos vinos” polo tanto espello onde debe mirarse un viño, tinto claro, como Rioja ou Ribera del Duero, non eran nada no mundoviño hai ben pouco, a primeira ate hai un século escaso e a segunda ate hai menos de trinta anos.

Ás veces as ideas máis sensatas, coa simpleza do sentido común, incluso as máis racionais e evidentes coma esta da relación de Galicia co viño de calidade, e a pesares das referencias históricas que van saíndo á luz, seguen semellando pasionais ou desbaratadas.

No mundo do viño existen preconceitos establecidos que son superados pero moi lentamente, e moito máis nun país coma o noso con escasa formación para os profesionais encargados de difundir a súa cultura e o seu consumo saudable. Desta maneira, ademais de prolongarse no tempo estes esquemas preconcebidos, esténdense modas ocas que veñen e se van sen deixar pegada polo seu escaso bagaxe histórico ou cultural, e sen repercusión económica, agás para os reducidos grupos que as manexan ou que se lucran delas. A vitivinicultura galega vai ligada ó desenvolvemento económico e a mesma configuración do noso país. Miles de viticultores, centos de adegas, espazos rurais que se manteñen con algunha actividade grazas o viño, ese que aparcamos dos medios de comunicación, da formación e como consecuencia da nosa inxesta diaria.

Gastronomía e vitivinicultura compleméntanse multiplicando a súa repercusión e o seu valor. Deberiamos estar facendo, e bebendo, todo o posible para que aos poucos a gráfica do consumo se transforme nun perfil himaláico. Comecemos a montar os campamentos de altura para a ascensión, para a expansión do viño galego, estamos no mellor estado de forma desde hai séculos, non estraguemos todas as enerxías gastadas e o tempo investido en chegar a este marabilloso momento. Se hai I+D+i en gastronomía, esta estaría orfa sen o que representa o mundo do viño en Galicia.

Os consumidores libéranse máis rapidamente de prexuízos cando os profesionais do viño, os que o elaboran, o cultivan e o propagan, teñen conciencia e orgullo do pequeno tesouro que representan os viños de Galicia, para ademais  poder proxectarse no mundo con seguridade e confianza, valorizándoos como se merecen.

Proxectar viños nobres e auténticos, coa seguridade da súa herdanza histórica, reflexo dos seus mil matices: castes, paisaxes, enclaves, tradicións… e tamén da imaxinación e a creación.

colaboración en BenBo

2 ResponsesBeban máis viño!! to “”

  1. Bravo. Pouco mais que engadir. Coincido ao 100% na tua idea e nas necesidades que transmites.

    Unha aperta.

  2. Gracias,
    mentres resistiremos

    Apertas