Loureiros! (a Granxa)

A loureira… un dos seus rostos namora, cando el aparece non vacilo, daquela Dionisio séntese orgulloso de min. Aparece con beleza nas formas e o fresco agarimo dun corpiño que non deixo de corresponder unha e outra vez. O viño cumprindo así a súa función milenaria de amante, de ser amado, de ser bebido sen descanso, para hidratar, para celebrar, para soñar, para recordar e acordar, para a emoción… se cadra.

E cadrou, fun hidratado, amei e sentinme amado, emocioneime e máis logo soñei.

Nunha espiral que xira coma un trisquel, hélice de tres lamas envolvéndome sucesivamente nas tres capas que mostra: a máis sutil e volátil dunha flor esquiva, que se vai e volve con suavidade, a segunda froital, máis estable e estensa, lenta pero firme, e a terceira que pon no fondo do esceario un prado, verde e luminoso, onde nos tumbamos a mirar o ceo, coa flor no cabelo e os beizos mollados nos bicos vivos de frescura, finos de volume, impregnados dunha sensación agarimosa que rodea o padal. Refresca, ilumina a boca, convida a beber.

Na vendima do 2011 en A Granxa non estuven moi pendente dos acios brancos porque me permitiran seleccionar bagos tintados para unha elaboración tradicional (Besta de Pedral) xa saben maneiras que escapan dos protocolos academicistas, e nos que se adoita caer despois dunha instrucción técnica, cando os máis despertos comezan a desaprender para, desta maneira, ser máis libres, abertos á inspiración, á volta á orixe, ós nosos antergos…

Se unha adega con elevada dose comercial xogara con estos factores: ausenza de viños de loureiro (só hai un en Galicia) producción reducida a mil e pico botellas, que unha parte da vendima fora criomacerada (16 h.) e outra fora de “xeo”, e que fermentara lentamente a 16º con lévedos seleccionados no propio viñedo, pois a tentación de elevar o prezo sería irresistible. Pero neste caso A Granxa é un centro de formación, e falamos duns espantosos… mellor antes aprovisiónome dun bo feixe delas e logo, se acaso, xa confeso esa ridiculez de €

Recoñezo que en adega sempre gostei máis da liviana delicadeza, herbácea, balsámica e sutilmente frutal do depósito do loureiro de prensa direta (fundamenta o 60% do viño) que do depósito no que repousaba o loureiro criomacerado (aporta o 37 %) o restante 3 % ven do albariño de xeo. Loureiro 2011. A Granxa, en Areas (Ponteareas) O Condado.

Os comentarios están pechados.