As Furnias

Na beira do Miño, cando este atravesa a parroquía de Ribeira (Crecente), está o viñedo As Furnias. Neste tramo o pai Miño, despois de deixar poucos km atrás O Ribeiro, e aínda máis lonxe ladeiras que son sacras, comeza o seu treito derradeiro, cara ó mar que acouga os solpores atlánticos.

Os galegos adoitamos mirar este final do Minho como un límite que sinala o noso sur, a historia ten transformado o que foi, e é xeograficamente, o eixo central dun espazo cultural e vitivinicola común, para convertelo nunha fenda que quixera separar este pequeno organismo esquiñado, proa atlántica de viños forxados con castes comúns e microclimas de tantos nomes como terriñas hai pero apelidadas do mesmo xeito.

Cando o Minho atravesa as parroquías do concello de Crecente recibe tamén a mirada das freguesías de Melgaço, asoman as terras que levan o seu nome para identificarse no Portugal dos vinhos e no administrativo.

As Furnias é un viñedo deseñado por Juan Arjones: son 7000 cepas por hectárea nun terreo en pendente norte sur, que desde o leste, onde está o brancello, trae unha curva aperaltada que mira o nacente, e pola banda oeste, alí medra a touriga e o sousón, tumbase para despedir os últimos raios. Polo medio os caiños (longo e da terra) e o espadeiro. Piñeiros cercan o redore, asi a todo o sol ten via libre para se reflexar e multiplicar a súa luz no espello do seu chan, porque o que define o solo é que entre o dominante arxiloso asoma a beleza do cuarzo, desde os pequeniños cristais espolvoreados polo chan ate algunha pedra que non se deixa coller. Viñedo que repousa nun solo dominado por este compoñente mineral, nunha comarca granítica que nas beiras do río está dominada polos restos aluviais de conglomerados, pedras redondiñas que se atopan nos viñedos próximos pero que en As Furnias, así chamado polas simas, furos ou furnas que había no terreo e que tuveron que ser nivelados, non hai. A explicación pode ser que nesta altura do seu curso por O Condado o Miño fai un quebro virando cara o oeste, vindo do norte torce, pola presenza das estribacións da Serra da Peneda, na busca do océano.

As Furnias é un viño tinto de O Condado, sen contraetiqueta Rías Baixas, que leva as castes tradicionais desta bisbarra miñota, baseado en varias viniñas controladas por Juan, unha delas abeirada na casa familiar, e mentres non entre en producción a viña As Furnias, na que ese solo peculiar con esas castes nese microclima á beira do Miño… prometen conxugarse na máxima expresión. Juan manexa esta ecuación de factores co instinto e a sensibilidade dun vigneron apegado á terriña.

2o11

Agarimo e frescura, así deixase querer, como nos gusta beber, con grolos profundos que piden o enchido da copa unha e outra vez, con aromas que non se achegan incisivos senón envolventes, para recordar a primavera das froitas vermellas e negras, do campo brillante e do solo vivo, a primavera que ven agora pero que xa non será como aquelas…  aromas de ledicía e de recordos…

One ResponseAs Furnias to “”

  1. O viño “As Furnias” veciño do “Finca Garabato” e un deses viños que leva :”Amor Profundo” polo terruño. As suas raices falan diso! E o padal mailos nosos sentidos contarannos o resto para chegar e ir: MAIS ALA DA PRIMAVERA! (Montse Valije)