Negueira, o val recuperado

O concello de Negueira de Muñiz atópase no extremo oriental da Galiza oficial, no fundo dun val entre montañas maxestuosas, altivas e celosas do que acougan. Negueira de Muñiz, habitado por menos de dous centos de persoas que moran escondidas trala enormidade do concello veciño de A Fonsagrada, inseridas na fronteira virtual astur.

Negueira non figuraba no pensamento nin na imaxinación vitícola da gran maioria dos galegos, incluidos os abstemios do viño do país que so coñecen o de alén.

Mellor para os viños de Negueira. Porque moitas veces acercamos ó nariz a unha copa logo de observar con confianza, no umbral de confort e de seguranza, a etiqueta, e, antes de mollar os beizos e deseguido o padal, imos coa mente predisposta condicionada polo fluxo de informacións visuais, escritas, escoitadas ou experimentadas en maior ou menor medida, as veces con demasiada seguridade, sobrados.

Os ecos de toda esa “enciclopedia” de informacións previas fican resoando ó mesmo tempo que algunhas moléculas volátiles van pasando pola pituitaria camiño de seren, ou non, traducidas no arquivo odorífero da nosa memoria, e de que no paso pola boca vaia impregnando as papilas e desprendendo a maiores novos aromas (retrogusto, postgusto) confirmando o coñecido ou abrindo novos espazos de sensacións, pero sempre desde unha idea previa, desde un prexuizo.

Negueira non existía na historia do viño que nos contaron (e máis logo contamos nos) desde que damos como aprendices os primeiros pasos neste labirinto vínico ate que despois dunha segunda fase de coñecedores resabiados e pasados de volta, achegámonos á de bebedores de sensacións máis alá do organigrama establecido.

Por iso os viños de Negueira aparecen libertos de calquer condicionamento previo.

Acercámonos a ales vírxenes de todo prexuizo, sentindo so o aire que circula polas reviravoltas das ribeiras do Navia e ascende polas ladeiras que acougan este val. Cheirando a vida que crece neses chans (maioritariamente esquistoso) mirando a traxectoria do sol sobre os cumios do redor, describindo o curso do rio e escoitando ós homes que laboran a terra. So isto é o que antecede á degustación dos seus viños. Partimos das sensacións que nos da a terriña, o terroir, coa mente limpa.

O río Navia ó seu paso polas parroquias de Negueira de Muñiz e de Ibias atravesa paraxes nos que a vide atopou un berce particular onde florecer e medrar con confianza, anada após anada, desde tempos que se atopan fora da memoria. Entre o frescor da montaña luguesa onde nace (na aldea de Busnullón) e o húmido Cantábrico onde vai finar, a conca do Navia posue terriñas acaidas para que as cepas de Branca do País (branco lexítimo) Tinto Serodo e Verdello tinto alardeen en viños singulares. Os que teño probado sinalan unha personalidade propia alén dos que coñecemos das mesmas castes do resto do país, diferenciada en matices que o tempo irá definindo.

Tamén diferenciados dos veciños de Cangas de Narcea, denominación á que si pertencen os viños de Ibias, aínda que este concello astur sexa máis semellantes a Negueira, coa que comparte rio (Navia e non Narcea) e fondura de val.

O río Navia intervén (178 km de descenso cara ó Cantábrico) xunto coa altura das ribeiras, a orientación do val e a protección dos altos cumios, nun microclima de tendencia mediterránea: hai sobreiras (sofreiras como as denominan alí) madroños, oliveiras… difícil de imaxinar nestas latitudes e alturas.

Luz e calor dun sol enfocado por un val rectilíneo (norte – sul) bañado polo Navia que nestas terras de Negueira fora embalsado na presa de Suarna en 1950, cun coste moi elevado, incluso de vidas humanas, asulagando parte do seu viñedo.

Val iluminado polo sol e percorrido por un río ao que se van asomando, entre meandros, pequenas penínsulas tumbadas en prácidas pendentes mirando cara o mediodía, con ladeiras devotas do poniente e outras seguidoras do mencer.

Imos penetrando ó mesmo tempo que descendemos desde os 900 m. dos altos de A Fonsagrada ate os 400 de Negueira, abrazados por unha paisaxe que me trae os recordos das primeiras pateadas polos Ancares e polo Caurel, cando non existía o sendeirismo nin o xacobeo. Coa ledicia resplandecente do verde dos prados entre o verde máis apagado dunha floresta aínda infectada de eucaliptos, entre o morado das carqueixas e o orgulloso amarelo da flor do toxo, co fondo limpo e brillante dos Ancares nevados.

Foi un pracer desfrutar dese momento no que a paisaxe combina o quentiño despertar primaveral dos campos coa imaxe residual do frescor invernal nas montañas nevadas.

O mesmo tempo que un vai descendendo polas encostas das ladeiras que caen cara o Navia vai entrando en calor. Nestas alturas dun mes de abril húmido coma os de antano, que para alguén das rías máis baixas sinte ademáis fresco por Lugo e A Fonsagrada, a entrada no val de Negueira é un ir quitando capas de roupa ate ficar en camiseta na ribeira do rio e polas ruas do pobo, e así colorear unha pel entumecida polos meses da invernía chuviosa nas praias de cara ó solpor. En poucos kilómetros pasamos do vento fresco que azotaba nas partes altas e unha temperatura duns 15º á sensación confortable do calorciño primaveral, con 20º as doce da mañán na praza do concello de Negueira. A terceira edición da súa Festa do Viño arrancaba co pregón de Ezequiel Mosquera, o ciclista da nosa desaparecida equipa nacional que nos fixera acudir abandeirados para animalo en varias etapas da Vuelta do 2011.

Esta festa é froito da dedicación e fe nos viños de Galicia que amosa a Asociación Galega de Viticultura, alí co esforzo de Roberto Regal, X. M. Vilas e Paco Rego. Parabéns polo traballo realizado, e sobre todo agradecimento por todo o que significa, xa estamos a ver o froito… pero haberá máis.

Había viños da media ducia de colleiteiros que os elaboran dun viñedo que non pasa da 15 h., viños para tomar nos “cachos” de madeira como se facía tradicionalmente.

Entre os colleiteiros destaca Manuel Cancio que elabora os Panchín, únicos viños etiquetados da zona, e nos que desde esta anada estará colaborando Roberto Regal. Branca do pais (branco lexítimo) que no depósito da súa adega mostra unha opulencia prometedora, hai outra partida elaborada en barrica, agora repousando en aceiro, que… cunha opulencia multiplicada deixa unha sensación de vida… case eterna. O verdello tinto, caste que Paco Rego relaciona co merenzao, opinión coa que discrepa Manuel Cancio, e a min recordoume ó pedral por unha aromática perfumada de flor e herbas aromáticas cun fondo de froita vermella fresca, o seu paso pola boca semella o do suave discurrir dun manancial brillante cuberto de pétalos caidos.

Imos voltar a este precioso val que engrandece todavía máis a Galicia do viño.

Os comentarios están pechados.