Castrelo, viños de parroquia

Parroquia de Castrelo, concello de Cambados. Complexo intermareal Umia-Grove. Mar de ría escondido trala península de O Grove, habitado pola Illa de A Toxa. Telleiras e bechos mariños…

Nos seus lares, tumbadas á beira dos areais, cepas de albariña escoitan o rumor das mareas mentres esperan, todos os días, a luz do solpor.

No val do Salnés conviven os viñedos de ideoloxía común e fogar acomodado con outras viñas únicas no mundo, da raza atlántica que levan os poboadores da ría.

Castrelo, cabo do mar, Salnés costeiro, parroquía vitícola nos areais de Cambados. Os viños de Castrelo nacen da albariña deitada sobre leitos graníticos, con xeitos de mariñeiro, de atardeceres frescos en veráns asolados. Viños que falan da beiramar: da baixa que descubre un leito rico e intenso ou da alta inundando con aire fresco salino.

En Castrelo conviven tres vignerons de personalidades diferentes. Sonia e Xurxo comparten formación granxeira e orixes familiares vitícolas na parroquia, pero difiren nas maneiras coas que se relacionan co viño. Sonia Costa vai con pasos medidos, máis detallista, sen deixar cabos soltos. Con Xurxo Alba a improvisación e a sorpresa é posible. Canda eles Alberto Nanclares coida o seu viñedo e elabora os seus viños coa sensibilidade e o respecto dun autodidacta que se namorou dunha comarca na que non naceu pero onde atopou o seu lar.

As viñas de Sonia (Lagar de Costa) gozan das vistas máis privilexiadas e do mellor espazo para pasar uns días. Limpeza na paisaxe e nos viños, na conversa e no azul do ceo e da ría, na brisa do mar e no horizonte oceánico que se abre tras os areais de A Lanzada, do itsmo que antigamente non existía deixando que o Atlántico entrara co seu alento direto, salinidade que impregna, e coa súa luz de solpor, calor que non queima.

Os viños de Lagar de Costa transmiten Castrelo, e a albariña que pace nos seus viñedos, coa personalidade que lles aporta Sonia: ese sorriso no medio dun falar suave e unha mirada limpa, viños de impacto sutil e comedido, escondidos detrás dunha timidez que o tempo vai abrindo para destapar as súas raigames máis profundas.

A adega de Xurxo, nesta primavera do 2013, é un festín de sorpresas, ensina a maxia das tres, ou catro… ou vai ti a saber cantas son as faces da albariña de pés na ría, todas estas versións mostranse nos depósitos de Albamar. As terriñas de Castrelo confabuláronse na vendima pasada para mostrárense limpas na adega de Xurxo, e convertila por elo esta primavera, e antes das ensamblaxes, nun santuario albariño onde os devotos acudamos en peregrinación para conquerir o éxtase grazas á aparición da deusa Albariña, nai dos viños do solpor, con todas as formas iconográficas que as terriñas de Castrelo esculpiron: mineralidade granítica, salinidade costeira, frutalidade expresiva… Para o futuro ficará o pracer de mergullarse no que será Albamar 2012 tentando sentir e traducir esas diferentes almas da albariña… do mar dos Alba.

Nesta crónica escrita por Joan aparece unha descripción máis detallada do que un se pode atopar cando pasa pola casa dos Alba.

Alberto é calma, traballo paciente e busca, sen medo, e sen os remordimentos doutros, da expresión da esencia albariña. Eu achegueime á manifestación deste gusto “parroquial Castrelo” cos seus viños, foi o primeiro que me ensinou e destapou co seu Nanclares a identidade deste microespazo. Moitas veces é máis doado e rápido achegarse á alma de algo cando se fai sen experiencia previa, sen xeneracións pasadas contaminadas por prexuizos ou complexos de inferioridade. Así, sen saber moi ben que se busca, so coa observación do territorio: de como é en cada viñedo o seu sufrir e gozar as estacións, como é a súa visión do poniente, cunha caste que se deixa querer, e a propia sensibilidade para interpretalo… nada máis, desta maneira esa identidade acabará por inundarnos, e nesa travesía está Alberto (Bodegas Nanclares).

dos mellores auguardentes e licor café que teño tomado, agora relíquias que Alberto xa non elabora.

Estas son as botellas que dunha ou doutra maneira falan do Salnés de Castrelo: Albamar, Pepe Luis, Alba de mar. Nanclares, Soverribas, Dandelión e Crisopa. Lagar de Costa, LDC  barrica, Maio.

2 ResponsesCastrelo, viños de parroquia to “”

  1. Espectacular lugar e magnifico día ese.

    E o mellor a compaña, por suposto. Agardo ansioso o listado de adegas e viños da “Emoción 2013”

  2. Días coma ese fan que todo isto teña sentido…