Sebio

20 vendimas de Sebio, compatriota celtista de Vigo. Vigués tamén significa na gran maioría dos casos non ter antecedentes vitícolas. Esta ausencia significa carencia de herdanzas prexuizosas, condicionamentos transmitidos que arrastran os que manexan viñedos familiares, e dos cales tárdase un tempo máis ou menos longo en desapegarse e deixar descolgados.

20 anos que percorren a historia moderna e futurista do viño galego. Desde o pasado menos glamouroso, menos auténtico, pasado escuro enchido de complexos de inferioridade, coma foi o mesmo franquismo para o noso pais, ate esta fiestra aberta cara un futuro esplendoroso na que nos atopamos.

Nesas 20 vendimas, que atravesan a historia recente do viño galego, Sebio ten cuberto sempre na vangarda todas as fases obrigadas, e necesarias, para chegar ate este punto no que nos asomamos cun sorriso nos beizos a un futuro prometedor. Fases que van pulverizando preconceitos, nos que so algúns recalcitrantes técnicos de alto rango seguen crendo. Falamos de viños tintos que poden ser tan potentes como queiramos, sexan do noso gusto ou non pero pódese, á maneira das zonas idolatradas por este estamento do viño. Falamos da agricultura máis natural que queiramos imaxinar. Falamos da recuperación das castes que durante séculos, algún milenio tamén, poboaron os viñedos que pisamos, ocultas e proscritas por ese mesmo estamento que veneraba o alleo. Falamos de bisbarras vitivinícolas, da caracterización de zonas e solos, da volta ó viñedo encostado, ó viñedo multivarietal e non o apartheid xeométrico dos técnicos planificadores da época moderna.

O futuro oliveiro do país tamén debería escoitar o que Sebio sabe, antes de que sexa demasiado tarde e nos vexamos rodeados do monocultivo arbequino, converténdonos daquela nunha subrexión aceiteira e non nunha zona oliveira con identidade propia, coma fora durante centurias.

As 20 vendimas de Sebio en Bagos

Nas 20 vendimas Sebio foi cubrindo estás fases sen nengún tutor externo. Sabemos que neste país do viño hai quen necesitou a confirmación, o consello ou a luz de visionarios que si crían na potencialidade das terriñas e das suas castes. Houbo quenes si acreditaban no propio pero necesitaban a aprobación previa dos gurús que estaban ó día das modas do viño e coa súa afirmación aseguraban unha travesía fora do deserto. Tamén os hai que son quen de apreciar e valorar o bó e proveitoso que fan os demais para seguilos na mesma onda.

20 anos supoñen ter acollido nalgún momento todo o que sobre a cultura do viño se ten movido nese tempo. Nos 17 anos que levo dando tumbos nesta historia vínica, teño perdido a conta das veces que puiden ter pasado por Gomariz e escoitado e bebido historias, viñas e viños de Sebio: curso de sumiller, Máster de viticultura, xantanzas blogastronómicas, ciclo de vitivinicultura, Galizas on the roads, só ou acompañado… Todo o que se ten feito de cultura do viño ten pasado pola súa casa, e sempre recordo o mesmo agarimo receptivo sen importar a procedencia e o motivo da visita.

Para min, este ano é o ano de Sebio, por iso argallei unha reunión bebida na que poder escoitar e beber esta parte da historia viva do viño galego, do seu protagonismo e responsabilidade nesta historia recente, tempo que aínda temos a flor de pel. Noutras zonas alongaríase por decenios o que eiquí percorrimos en menos de dúas décadas.

Foi unha cata imposible de esquecer, seguramente foi a cata deste ano en Galiza, difícilmente repetible. Unha travesía vital por un sendeiro lóxico e natural, desde as primeiras vendimas en Rías Baixas (probamos un albariño do Salnés do 96) pasando polo período na EVEGA traballando con Paco Rego (unha luz vitícola na escuridade alienada) nun momento no que aínda non se estaba na eclosión dos varietais ancestrais nin dos seus descendentes, pero que Paco xa estudiaba e Sebio seguía. Percorreu o país das mil terriñas entre cepas perdidas de castes con nomes que nen sequera imaxinaba. Daquela época desfrutamos un caíño bravo que dun grolo lánzanos á prehistoria de nós… para amantes do carácter racial atemperado polo tempo.

Primeiro ano en Coto de Gomariz e primeira vendima ó seu cargo. A adega Coto deulle consistencia e seguridade técnica para non ficar parado e ir dando pasos, abrindo portas… e mercado.

Gomariz deulle o pouso que so os grandes terroirs do mundo poden dar. Habitar vitícolamente no espazo do viño, definido como tal, máis antigo da península, coa relevancia que tivo, territorio de histórico peso, repetado e recoñecido doquier fora, aporta un algo máis… a inercia da historia.

Pero Sebio, ademais de profundizar neste terroir do Avia, foi incorporando unha viticultura cada vez máis respetuosa co medio, incorporando castes perdidas, estraíndo o máximo potencial das existentes. Conscente que a Gallaecia vitivinícola tivo o seu verxel nas ribeiras de O Ribeiro, fixo o lóxico e natural: devolverlle castes como a tinta amarela (trincadeira en territorios máis sudistas) a carabuñeira, caíños varios…

Os Viños de Encostas representan a devoción pola esencia do viñedo. A orixe dun cultivo co berce nas ladeiras máis pobres, poboado pola multiculturalidade varietal, o poliglotismo na expresión, a racionalidade da mestura. Outro paso por diante do Sebio.

A conciencia dunha cultura que o cientifismo argumenta coma unha ecuación na que se poden controlar todos os factores para que o resultado sexa o que un quere. E seguen nesas lerias, gastando persoal, tempo e investimentos que pagamos todos, nos xeitos de adecentar o mediocre, mentres o banco reserva das castes autóctonas, con todo o traballo que costou instauralo, en calquera momento pode ser aniquilado por unha decisión política ou pola falta de cariño dos seus xestores.

Sebio desprega un abano de viños… extenso, 20 micromundos, un pequeno universo de galaxias, surcalo devagar é unha experiencia cósmica, unha travesía da que non se albisca o final…

Desde o clasicismo que significa o gusto Gomariz, esas notas que xa temos memorizadas, un adn que se desprega nunha copa para transmitirnos a interpretación que dese territorio fai unha adega, un vigneron, o través dos distintas rostos que nos mostran os seus viños.

Os Viños de Encostas empezan a marcar unha personalidade (futuro clasicismo?) que me piden outro espazo en solitario para seren bebidos e máis logo expresados. Unhas liñas eiquí sobre eles iban a resultar escasas e demasiado superficiais. Despois das sucesivas confirmacións do Hush ou do Salvaxe,  tamén nesta cata, ese día quédeime coas sensacións e o recordo do Wish…, a suavidade do tinto elaborado con Bernardo Estévez, e co ISE elaborado ó 50% con Ismael Gozalo (Ossian, Segovia).

Rematar co + Gomariz Licor Café… é o remache que nos confirma no que non adoitamos a facer: deberíamos comezar por louvar o que temos ó noso carón, e non ó contrario.

10 ResponsesSebio to “”

  1. Grandes viños, e mellor tipo.

    Pena non ter estado alí.

    Aperta

  2. Me ha gustado la descripción tan precisa que haces de la persona. Algunos vinos suyos serán discutidos por el gusto, eso sobre lo que tanto hay escrito aunque digamos que no hay nada, pero están justificados por la historia y demuestran que sí se puede cuando se quiere si vas a favor de la tierra, de tu tierra.
    Tuvo que ser una cata envidiable.
    Un saludo.

  3. Foi unha Gran cata, as miñas palabras quédanse cortas, e sinto mágoa por iso, porque a historia que contan os seus viños e o que anuncian é unha parte da historia e do futuro do viño deste país non tratada como se merece.

    Apertas

  4. “esta fiestra aberta cara un futuro esplendoroso na que nos atopamos”…OXALA…há un par de semanas estive co Sebio cá na meseta sul e aínda que elabora algúns dos mellores viños, para min, desas terras, a simplicidade do flower sousón pareceume exquisita. Cada vez arrepíame máis esa xente que esta coa mesma copa de viño dúas horas, a cheirar e cheirar e elucubrar con arrecendos imposibles, con evolucións-involucións caseque cosmicas. Se son felices asim parabéns…mas a min deanme un sousonsiño deses e “busque muy enhorabuena el mercader nuevos soles”. Saúdos

  5. son soñador, e buscador… por iso escribo, e non será pola audiencia, como comprenderás neste idioma moribundo que non lee nin deus…

    as veces pasmo diante dun solpor, coa forma da nubes ou coas liñas por onde ascender unha montaña,
    as veces soño un futuro esplendoroso para este país pese a acomplexados e feijoos de turno…
    as veces pérdome nun futuro mellor…
    no viño ese futuro ven máis rápido que a vida que vivimos a cotío… por iso unha copa de viño dúrame horas…
    Bebo a grolos cando teño sede, despois de correr pola costa ou de subir ó galinheiro:
    tintas femias de Bueu, espadeiros do Salnés, tintos serodios de Negueira, Condados e ribeiros agarimosos ou as garrafas que me fican do Besta de pedral…
    O viño ten máis vida da que imaxinamos, nothing is imposible nos arrecendos, son tan reais coma a vida que teñamos vivido e a poesía que levemos en nos..
    Saúde na meseta na sul

  6. Grazas Antonio por esas fermosas verbas. Esas liñas sentidas e engarzadas, con paixón e devoción. Ti fas que a longa noite de pedra sexa pronto finita. Coas castes non poderán, cos viñerons non acabarán, as verbas de ese falar miudiño non as silenciarán.
    Nas encostas ou nos vales, nas trincheiras da Gallaecia seguiremos loitando, por nos e polo noso. Que o que nos deixaron os nosos pais e devanceiros poidamos deixarlles as nosas crianzas co mesmo orgullo.
    Grazas polo post, as verbas de agarimo e grazas por pedirme que vos preparara a cata. E un enorme pracer verse recoñecido e tan ben tratado na casa. Segue resistindo e escribindo na lingua de Castelao, Curros, Pondal e tamén na de Roberto Vidal Bolaño.
    Grazas tamén os amigos polas súas verbas de apoio e agarimo, apertas.

  7. Antonio, douche os meus parabéns por andar a procura desa parte intelectual e estética do viño; eu, un pouco por “ceporrismo” intelectual e un bastante por convencemento, procuro a parte lúdico-tabernaria.
    En canto ao de que o viño ten máis vida da que imaxinamos e que os arrecedendos son tan reais como a vida vivida…estamos nas mesmas, feliz ti que tes unha vida vivida.
    Por outra banda, concordo completamente no de lingua moribunda, e asumo a miña parte de culpa por ser as mais das veces un deses “nós, os acomplexados”. Un saudo

  8. Eu non renego de ningunha parte e moito menos da tabernaria, quéroas todas, se non bebería máis cervexa.
    Non lle poño cancelas á imaxinación… ai!!! se máis tivera…
    Hai escritores que sen máis vida vivida que as catro paredes da súa habitación escribiron os libros máis extraordinarios… terían unha copa de viño sempre á mán??
    No de lingua moribunda trabuqueime, vainos sobrevivir a nolos dous e máis alá, despois de 500 anos demostraron certa inutilidade no exterminio…
    o que si é unha mala inversión para os buscadores de audiencia e sona… nas mesetas e na “capital”

  9. Grazas a ti Sebio, sabes que o mereces, os tonos laudatorios son para os que non saben vivir sen o aplauso do escenario.
    Apertas

  10. Antonio, tes razón en todo o que dis; pidoche disculpas a ti e a Sebio que era a quen llen dedicabas o post. Non vos merecedes a miña estupidez