Terra de cepas e viños

A revista Cepas y Vinos xa é unha realidade, e na pax. 48 unha pequena colaboración debullando a esencia das terriñas, repasando feitos do pasado e recuperando algunhas claves para futuro:

Hai un país de territorios peiteados polo Atlántico, país de mil ríos cos seus mil vales multiplicados por ladeiras e vertentes vertixinosas ou penedos ondulantes coma una caricia, país abrazado pola brisa oceánica que se extende sobrevoando todos estes microespazos encepados de castes agarimosas, castes  que poboaron desde o tempo dos nosos ancestros os lares das beiras mariñas e das ribeiras sobrecollidas, morando microviñedos iluminados pola luz do solpor atlántico. Castes melancólicas e morriñentas que falan o noso idioma coa lírica da paisaxe que so elas saben expresar, apegadas a terriñas que manifestan a esencia da súa identidade ó seu través.

Galicia dos viños, terra para soñar, para crear, para deixarse levar. Temos una longa historia vitivinícola que debemos ir recuperando para darlle todavía máis valor a ese potencial  agochado que está empezando a despertar.

Esta fase creativa, instintiva e de recuperanción dun gusto máis antigo, con máis carácter ou máis profundo na que nos atopamos foi precedida doutra, por exemplo nos comezos da d.o. Riás Baixas, que priorizaba o alonxarse radicalmente dos viños caseiros maioritariamente defectuosos daquela altura, iniciando o camiño dunha excesiva intervención nos procesos de elaboración, dando como resultado unha uniformización dos viños das diferentes subzonas e un gusto máis globalizado en todas as denominacións do país. A viticultura seguiu a mesma senda aprofundizándose nas técnicas agrícolas convencionais máis extensivas e productivistas, intensificando a contaminación e a pobreza dos solos cos métodos empregados.

Pero voltamos á orixe, e non ten volta atrás. Nada novo no mundo do viño, algo parecido tiña pasado en Borgoña: en 1985 a situación era ben diferente á de hoxe, daquela todos os factores económicos e sociais favorecían mostras de dispendio varias como a adquisición de grandes viños. Entre eles todos os afamados borgoñóns que podemos citar ou imaxinar. Mas estes viños mercados para durar “toda a vida” ás primeiras de cambio viñéronse abaixo. Os tirarollas máis impacientes foron os primeiros en darse conta e por suposto en anuncialo. En apenas tres anos eses grandes viños aparecían apagados cromaticamente, envellecidos aromaticamente e cansinos no seu paso pola boca. O efecto deste impacto é facilmente imaxinable: perda de prestixio e fulgurante caida nas ventas, e a pergunta tamén evidente: uló o archifamoso terroir e os recoñecidos climats da Borgoña?

Os culpabeis non foran os lunáticos e románticos defensores do natural e da autenticidade  ou do tradicional. Algúns técnicos e burócratas, ou ambalasduas cousas á vez, foran os que guiaran e asfaltaran con brea a corredoira grazas ós seus consellos: rendementos productivos record / fertilización a esgalla / tratamentos a discrección / fitosanitarios en doses in crescendo ou con novos productos cada vez máis potentes … toneladas de productos cada vez máis agresivos para o medio, para os acuíferos e para a saúde das persoas, das nosas terras, viñedos e vivendas que comparten os mesmos espazos. Son o armamento e as técnicas das que dispoñen os que están convencidos que posuen a verdade do que é un viño, dos patróns estandarizados por eles mesmos do que debe ser un viño, os outros levan algún ou todos os defectos do mundo.

A consecuencia do impacto anterior na Borgoña fora a Revolución Verde que permitira a volta dos seus mellores viños ó cumio. Realmente a maioria non decidiu producir en biolóxico… acabaron por chegar paso a paso e con sentido común.

En Borgoña a alma da laboura pertence á conciencia colectiva. Durante xeneracións dábase moita importancia á observación do ambiente, á experiencia: cortábase, arábase, cultivábase, máis non se interviña, a non de ser de maneira curativa. A planta combatía soiña tornándose resistente ou non sobrevivía. En Borgoña é onde se da a relación máis persoal do home coa historia, a terra e o clima, o técnico non existiu, o que valía era o home que facía as cousas con gusto.

En Galicia voltamos á orixe, á viña, á grandeza do auténtico, aos matices que definen as singularidades, á fidelidade á vocación dunha terra, do seu clima, da sua cultura, á expresión máis natural dos microuniversos que temos diante dos fuciños.

Estamos nun momento apaixoante, algo desto sospeitabamos, pero o mellor de todo é o que nos traerá o futuro. Somos quen de albiscar as claves que nos han levar máis alá:

Afondar na diversidade, explotar a riqueza de vales, ribeiras, vilas, parroquias, ladeiras especiais, viñas únicas… Recuperar territorios históricos do viño, desenrolar as subzonas ou as microidentidades e recoñecer o seu valor.

Despois da moda varietal, de recuperación das castes tintas minusvalorizadas nesta última época do viño galego, e elaboradas en solitario para recoñecer as suas características de maneira individualizada: caiños, brancellaos, sousóns, espadeiros, pedrais, merenzaos… debería vir un tempo de busca das combinacións máis acaidas entre elas, de viños plurivarietais máis complexos, equilibrados e seguramente lonxevos.

Aumentar as elaboracións dos diferentes tipos de viños: doces, escumosos… hai potencial dabondo para chegar ben lonxe.

Desenrolar o aspecto cultural, histórico, incluso espiritual do viño. É un factor inherente ós grandes viños do mundo.

En viticultura aumentar o cultivo máis respectuoso co medio, coidar a viña e o patrimonio de viñas vellas, son un monumento natural único.

Todo isto debería vir acompañado do renacemento das tendas de viños con persoas comprometidas cos viños interesantes, auténticos, nobres, de prezos axeitados, de todas as orixes de Galicia, e do mundo, non baseados nos marxenes de distribución, profesionais non manipulables, sen prexuizos.

Orgullo, historia, tradición, creación, sacrificio, respecto.

2 ResponsesTerra de cepas e viños to “”

  1. Emociana sentir que existe ese camino, que al menos para unos cuantos -suficientes- las cosas van por ahí. Lo veremos y lo beberemos desde ahora mismo y en un futuro.

  2. Todo va… indo, imos viendolo.