o viño non para

Anada 2013: boa, moi boa ou excelente, iso dará igual… pois o teu rumbo a torcer non alcanzará.

Estamos alcanzando a velocidade de cruceiro, esa que nos ha levar onde queiramos. Neste momento o rumbo é a busca da máxima expresión, do que sexa onde sexa, alá onde esta se atope. Nesta travesía hai varias rutas, todas posibeis e máis ou menos axeitadas para acadar placer, emoción.

Os galegos somos como somos, e pode que demos chegado algún día máis aló ou que sempre estemos na busca da Ítaca, no noso caso polo mar do solpor, non importa mentres sexamos nos os que decidamos cara onde ir e o punto no que queiramos ficar, mentres non nos durman con técnicas, teorías ou filosofías que xa nos teñen retrasado dabondo, é bem doado: sermos conscentes do que somos e do que temos nas máns: chámase conciencia de si.

Destapando o potencial que se ten e liberando a mente de prexuízos, complexos e técnicas e técnicos uniformizadores, de ideoloxía imitadora ou reproductora de realidades alleas á súa identidade ou de standares e patróns academicistas, ademáis de sobrecollidos por un tótem denominado consumidor, do que cren interpretar todos os seus gustos e necesidades, condicionando para elo todo: viticultura, enoloxía, comercialización, esquecendo que ese consumidor fáise, ensínaselle, non está ahí só para proporcionarlle o que pontualmente demanda, porque os estilos e as modas de consumo son SEMPRE pasaxeiras, nunca permanecen, o que se bebía hai un decenio non é o mesmo que o bebido hoxe, pero pode que sexa o de mañán…

Hai moito tempo que sabemos que a viña é todo, non existe viño sen ela e ela é quen o define, por moito que se tente modificar, tapar ou adornar o que a viña determina. Houbo quen se sumou con devoción ás novidades revolucionarias da moderna viticultura, transformadora da morfoloxía da paisaxe, da arquitectura do viñedo e das relacións sociais, económicas e laborais das bisbarras vitivinícolas, lapidando modos de producción e sistemas de economía rural e o que é pior de todo non mellorando o resultado, ou sexa o producto da viticultura: o viño. E o que debe ser máis frustrante, para alguén co manifesto obxectivo número un do comercial, porque o consumo cada vez é máis irrisorio.

Agora acreditamos nas verbas dos que desde reputadas plataformas da capital defenden o que xa sabiamos: que a viticultura conscente, coidadosa coa identidade e a vocación dun terroir (territorio) conscente da experiencia empírica da tradición ó mesmo tempo que creativa e instintiva desde esa mesma personalidade, esa viticultura é a que orixina os mellores viños, a que fai avanzar ás rexións vitícolas, a que emociona, a que alimenta o espírito, a que estimula a alma, a única sen data de caducidade.

Si, as modas son pasaxeiras. Temos pasado dos albariños caseiros do Salnés, de forte carácter, ou dos Condados e Rosais miñotos, estos máis complexos e equilibrados, ou dos viños das diferentes bisbarras costeiras: Morrazo, Barbanza ou de Soutomaior e o Ulla, á época da enoloxía instauradora da uniformización das zonas, vilas e paraxes. Se aqueles viños, según pares, tiñan algún ou todos os defectos posíbeis, esta época máis recente, aínda maioritaria, acabou marcando unha moda no consumo dos brancos galegos definida pola comercialización pronta do embotellado anual como norma, e no estilo dos viños pola limpeza, brillantes e cristalinidade visual, os gustos e sabores planos e aburridos, a uniformidade en aras dun gusto máis comerciable. Faltos de carácter (identidade, autenticidade) de iso que demanda un amante do viño. Un carácter que se alonxa ou desaparece máis no viño canto pior esté ubicado o viñedo, canto máis se produza, canto menos respectuosa sexa a viticultura ou canto máis se interveña en adega: lévedos, enzimas, clarificacións, filtrados… e si, tamén canta máis extración das lías… menos identidade e presenza da terriña.

Estamos deixando atrás unha moda e abrazando, bebendo, outra, case sen dármonos conta, estamos artellando novos modos de consumo, ensinando unha diferente sensorialidade pracenteira, esquecendo prexuízos, emocionándonos co pecado dos grolos que non pasan polos paneis de cata oficialistas entrenados no automatismo e frialdade dun nariz electrónico.

O albariño do ano ficará no recordo. “Asomarán máis soles nas nosas cuncas” coma escrebía Cunqueiro, miraremos nas copas tonalidades máis alá do pallizo grazas á inxesta de brancos con máis dun ano e o retomar de tradicións e xeitos de elaboración proscritos polos protocolos da enoloxía posmoderna por non palidecer os viños.

Temos pasado unha época de anadas nas que o escribidor de viños, o sommelier, os periodistas ou as personaxes de maior ou menor rango neste mundiño non se ganaban o soldo co suor da frente, érache todo ben doado e sinxelo, pero tamén máis aburrido. Neste momento do envero-pinta en calquera deses anos pasados, seriamos quen de describir os viños que orixinarían os bagos que aínda estaban pendurados pregando polos raios do sol. As diferentes marcas de viños e os seús estilos sucedíanse idénticos anada após anada, para goce do comercial e do hostaleiro máis cómodo porque así non tiñan que rebanarse los sesos en explicar algo do que pouco sabían. Anada após anada as mesmas marcas das mesmas adegas co mesmo gusto.

Estos últimos anos a cousa complicouse dabondo. Eu aínda estou poñéndome ó día dos viños embotellados nesta anada, e iso sen contar os que aínda esperan na adega, e xa sei que esta que virá traerá todavía máis sorpresas.

Collamos folgos porque o viño en Galicia non ten paraxe…

Negueira de Muñiz

Os comentarios están pechados.